17 de Maio: Unha nova primavera para o noso idioma

Ás portas dun novo 17 de Maio, Día das Letras Galegas, desde a plataforma social Vía Galega queremos facer un chamamento ao conxunto da sociedade galega a redobrar esforzos para que o galego, o noso idioma propio e nacional, recupere espazos de uso social no noso país. Somos conscientes de que levamos décadas de retroceso no número de falantes do noso idioma, por mor da nosa condición de país dependente, sometido a un proceso de asimilación lingüística e cultural por parte dos poderes do Estado español. A propia Xunta de Galiza, co Partido Popular á fronte, lonxe de actuar como un instrumento favorábel á normalización do noso idioma, está a xogar un papel nefasto, cunha política lingüística folclorizante, ou mesmamente destinada a invisibilizar socialmente a lingua galega.

Malia isto, tamén somos conscientes de que este proceso de asimilación españolista é reversíbel, sempre e cando exista unha ampla mobilización social, que sexa quen de consolidar e conquistar novos espazos de uso para o noso idioma, sobre todo nas xeracións máis novas e nos ámbitos máis urbanos, xustamente onde a españolización se fai cada día máis patente. Fronte aos intentos de avanzo desta asimilación españolista, só cabe opor un proceso de normalización dos usos sociais do noso idioma, amplo e abranxente, que faga do galego un elemento vertebrador da nosa identidade como pobo e como nación que somos.

De aí que desde Vía Galega, neste novo Día das Letras, fagamos un chamamento público a defender o noso idioma, e a participar na manifestación convocada por Queremos galego! esta quinta feira, 17 de maio, ás 12:00 h. na Alameda de Santiago de Compostela, baixo o lema “En galego día a día”. Queremos unha nova primavera para o noso idioma, e para que isto sexa así, queremos facelo visíbel os 365 días do ano en todos os ámbitos e espazos da sociedade galega, no camiño da súa plena normalización como lingua propia e nacional de Galiza.

 

Compostela, 16 de maio de 2018

 

Coordenadora Nacional de “Vía Galega”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *