GALIZA NACIÓN: VIA GALEGA DIANTE DO “DÍA DA PATRIA”.

Galiza é unha das máis antergas nacións do continente europeo. A nosa dilatada historia así o acredita, desde a Antigüidade até os nosos días.

En tempo contemporáneo foron as mulleres e homes das Irmandades da Fala quen, cen anos atrás, abriron unha nova etapa en favor do recoñecemento nacional da Galiza, no marco da I Asemblea Nacionalista Galega (Lugo, 1918). Conformando os piares dun país  de noso, moderno e avanzado. Un país soberano, política e economicamente, cunhas institucións ao servizo dos interese obxectivos e lexítimos das clases populares, da maioría social.

E foron as Irmandades da Fala as que na súa II Asemblea Nacionalista, por volta de 1919, decidiron en Compostela que cada 25 de xullo fose o ‘Día de Galiza’ ou ‘Día da Patria’. Día da Patria celebrado durante o tempo republicano, tempo no que as clases populares proclamaron o Estado galego de 1931, e ininterrompidamente ao longo do exilio. Data recuperada na Terra polo nacionalismo, en plena ditadura franquista, a partir de 1968.

Hoxe, como desde o primeiro terzo do s.XX, a sociedade galega celebra esta data reivindicando que Galiza é unha Nación. Un feito ratificado oficialmente diante do IX Congreso de Nacionalidades Europeas, reunido en Berna (Suíza) en 1933.

Desde VÍA GALEGA, Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza, facemos un  chamamento en favor da mobilización social arredor do Día da Patria e da reivindicación nacional da Galiza. Animando a que se pendure en balcóns e xanelas a bandeira galega e saudando ás mobilizacións que se organicen con motivo desta sinalada data.

 

Coordenadora Nacional

VÍA GALEGA. Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *