Vía Galega proclama a Carta de Dereitos centrada no dereito a decidir

O IES Lucus Augusti acolleu este domingo a conmemoración do centenario da I Asemblea Nacionalista Galega. Un acto organizado pola Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza, Vía Galega, no que se proclamou a Carta de Dereitos do Pobo Galego. Un texto no que se declara que “o pobo galego ten dereito a decidir libremente o seu futuro como nación que quere contribuír á construción dun mundo mellor, xusto e solidario”.

Elvira Varela Bao, filla de Elvira Bao e Bernardino Varela, e Amalia Bóveda, filla de Amalia Álvarez e Alexandre Bóveda, foron as encargadas de dar lectura ao preámbulo do documento, como testemuñas vivas das Irmandades da Fala, xunto con Antón Santamarina, fundador das Mocedades Galeguistas.

Canda elas puxeron voz ás reivindicacións recollidas na carta, proclamada “por lealdade ao mellor da nosa tradición histórica, así como aos intereses colectivos das galegas e galegos de hoxe en día e por compromiso co seu futuro” Cesáreo Sánchez, Xosé Luís Armesto, Isabel Risco, Paulo Carril, Manuel Soto, Elías Somoza, Teresa Ramiro, María Seijas, Xan Manuel Tobío, Pin Patinho, Felisa García, Paulo Filgueiras e dúas crianzas, María Molinos e Xan Bagaría, que simbolizaron a Galiza do futuro.

O primeiro dos actos, conducido por Xurxo Souto, contou coa música de Jasper e Navia Rivas e da asociación cultural Cántigas e Frores, que interpretou o Himno Nacional.

Bruno Lopes Teixeiro foi o encargado, como portavoz do colectivo, de explicar as razóns deste evento. Así lembrou a Xaime Quintanilla, “assassinado polo fascismo em Canido em agosto de 1936. Esse mesmo fascismo que em 2018 quer levar a prisom vários patriotas por defenderem a devoluçom ao povo do Paço de Meirás” e valorizou a “auto-organizaçom e a auto-gestom” como “peças angulares” de Vía Galega, vertebrada no “associacionismo de toda índole”.

Porén, Lopes Teixeiro asegurou que “nom podemos viver só lembrando efemérides sem mirar ao futuro”, e lembrou que Vía Galega naceu coa vontade de crear consciencia nacional complementando as organizacións que existen no campo soberanista. “Trabalharemos cotovelo com cotovelo com quem quiger na socializaçom de dous conceitos claros: Galiza é umha naçom e tem direito à autodeterminaçom”.

Por iso fixo un chamamento a sumar “outros setores hoje alheios a qualquer projeto soberanista” para seren “muitos e muitas mais” e un percorrido polos 100 anos decorridos desde a I Asemblea Nacionalista até a actualidade, desde  as Irmandades da Fala á Sociedade Nacionalista Pondal, pasando polas páxinas de A Nosa Terra até a Fouce, o Consello da Galiza, até Unión do Povo Galego, de ERGA até Erguer, do SOG até a CIG e das e dos que sufriron prisión e exilio. “Hoje estamos aquí graças a eles, porque ninguém apagou o facho de ver algum dia a República Galega feita realidade”, engadiu.un 2018 en que existe, dixo, “um projeto nacional em construçom vivo”.

Espazos de contrapoder

Lopes Teixeiro subliñou ademais os espazos de contrapoder desde onde acumular forzar para o soberanismo: os centros sociais, o relevo xeracional e a información en galego “desde o nosso próprio relato”. Foi neste punto onde reivindicou, alén de espazos como as Sementes, “um diário galego e em galego, com umha linha editorial de país”.

O portavoz de Via Galega rematou a súa intervención apelando a “colher as rédeas do nosso destino” advertindo que, do contrario, “a história nos vai dar finiquito em menos de um século” e chamou a “pensarmos como aprofundar no trabalho da Via Galega, onde a crítica, a autocrítica e o debate sejam práticas criadoras de consenso e onde todas as famílias do soberanismo se vejam cómodas”.

Ofrenda floral

A xornada continuou coa ofrenda floral da Convocatoria Faraldo, que cada ano organizan asociacións de base de Lugo para rematar cun percorrido pola muralla de Lugo en que cinco entidades realizaron lecturas de textos vinculados coas Irmandades da Fala. Tomaron a palabra Lugo Patrimonio; a Asociación Cultural Valle-Inclán; a Asociación Cultural Ergueitos de Sarria, a Asociación Cultural Xérmolos de Guitiriz e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA). O Himno Nacional pechou a xornada de actos reivindicarivos dos dereitos nacionais e sociais de Galiza.

CARTA DE DEREITOS DO POBO GALEGO

PREÁMBULO

Cumpríndose 100 anos do Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo, dirixímonos a todos os pobos do mundo para que saiban o que hoxe aquí proclamamos:

Sendo Galiza unha nación e o pobo galego un suxeito político diferenciado titular de dereitos colectivos, recoñecéndose así polo IX Congreso de Nacionalidades Europeas (1933), adscrito á Sociedade das Nacións.

Lembrando que o pobo galego se foi conformando historicamente, ao longo de séculos, como un grupo humano diferenciado social e politicamente, vivindo períodos históricos nos que desenvolveu libremente a súa personalidade colectiva, actuando como entidade política, mais tamén outros -igualmente dilatados- nos que, sometido ao ditado e a intereses alleos, viu negada a súa capacidade de actuar libremente.

Tendo presente que Galiza resistiu ao longo dos séculos todos os intentos de asimilación lingüística, cultural e política, que foi capaz de conservar todos os elementos que a conforman como pobo, que mantivo a vontade de existencia política e que foi quen de desenvolvela para se conformar como nación (aspirando a escribir novas páxinas da súa historia, de prosperidade e de liberdade).

Salientando que as galegas e os galegos, con perseveranza e vontade política, souberon ir conformando a conciencia e os instrumentos necesarios para a Galiza actuar no mundo como nación libre e con plenos dereitos.

Considerando que todos os pobos nos que a humanidade se agrupa son suxeitos de dereitos colectivos indispensábeis para a súa existencia, benestar e desenvolvemento integral, do mesmo modo que todas as persoas somos suxeitos de dereitos individuais que adoitan realizarse no marco de pobos concretos a respecto dos cales cada persoa se identifica.

Evidenciando que o respecto efectivo dos dereitos individuais implica o respecto dos dereitos colectivos dos pobos, razón pola que negarlle a un pobo os seus dereitos políticos é negarllos tamén a todas e cada unha das persoas que o integran.

Recoñecendo que, entre outras normas internacionais, a Carta das Nacións Unidas, o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos afirman a importancia fundamental do dereito de todos os pobos á libre determinación, en virtude do cal estes determinan libremente a súa condición política e perseguen libremente o seu desenvolvemento económico, social e cultural.

Sostendo que outro mundo en chave de progreso só é posíbel recoñecendo que todos os pobos somos iguais e que temos dereito a decidir para lograrmos a nosa emancipación desde a igualdade, a xustiza social e a sustentabilidade ecolóxica.

Afirmando que a reivindicación da soberanía que nos corresponde como pobo para construír unha sociedade nova, baseada na xustiza social, só ten sentido desde a igualdade real e plena de quen a conforma, mulleres e homes que nacen libres e iguais en dereitos e deberes.

Proclamamos, por lealdade ao mellor da nosa tradición histórica, así como aos intereses colectivos das galegas e dos galegos de hoxe en día e por compromiso co seu futuro, os dereitos colectivos que como nación nos corresponde defender e que figuran recollidos na presente CARTA DE DEREITOS DO POBO GALEGO.

DEREITO Á EXISTENCIA

O pobo galego ten dereito a existir como colectividade social e política coas súas propias características e a non se deixar asimilar por ningún outro, nun mundo plural e diverso formado por pobos que deben ser iguais en dereitos.

O pobo galego ten dereito a se afirmar como nación e a se identificar como tal co seu propio nome: Galiza.

O pobo galego ten dereito ao respecto da súa identidade nacional e a resistir e se rebelar fronte a calquera ofensa aos seus dereitos, liberdades e garantías ou calquera tentativa de asimilación.

DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN

O pobo galego ten dereito a decidir libremente o seu futuro como nación que quere contribuír á construción dun mundo mellor, xusto e solidario.

O pobo galego ten o dereito imprescritíbel e inalienábel á libre determinación, nos termos estabelecidos no Dereito Internacional e sinaladamente na Carta das Nacións Unidas, para decidir democraticamente o seu estatuto político con toda liberdade e sen ningún tipo de inxerencia externa.

O pobo galego ten dereito, se os seus membros democraticamente así o decidiren, a se tomar nun Estado soberano que represente o conxunto da cidadanía sen ningún tipo de discriminación e asegure o respecto efectivo dos seus dereitos e liberdades fundamentais.

DEREITOS E LIBERDADES

O pobo galego recoñece e defende que todas as persoas que o conforman teñan a mesma dignidade social e sexan iguais ante a lei.

O pobo galego establecerá unha carta de dereitos e liberdades para toda a poboación e desenvolverá medidas específicas que garantan o seu pleno exercicio.

As mulleres e homes que conforman o pobo galego non poden ser obxecto de ningunha forma de violencia ou discriminación sexual, física, política, ideolóxica, reprodutiva, psicolóxica, económica, raza, idade, lingua, orixe, relixión, laboral, instrución ou simbólica.

DEREITOS ECONÓMICOS

O pobo galego ten dereito exclusivo sobre as súas riquezas e recursos.

O pobo galego ten dereito de se dotar dun sistema económico que sirva para o seu desenvolvemento e garanta o benestar social de quen o conforma.

O pobo galego ten dereito a ver garantida a preeminencia do interese comunitario sobre os intereses privados en todas aquelas materias que afecten ao modelo socio-produtivo galego, a sustentabilidade ambiental, a cohesión social e a planificación do territorio.

O pobo galego ten dereito a exercer os seus dereitos económicos respectando a solidariedade entre os pobos do mundo e tendo en conta os seus respectivos intereses en condicións de igualdade e equidade, a través dunhas relacións internacionais xustas, baseadas no beneficio mutuo, en que o comercio non sexa considerado un fin en si mesmo senón un medio de vida dos pobos, garantindo o benestar social co seu uso equitativo, responsábel e sustentábel.

DEREITOS SOCIAIS

O pobo galego ten dereito a poder satisfacer as súas necesidades materiais e humanas, garantíndose o seu benestar social e a posibilidade de realizar as súas aspiracións colectivas.

O pobo galego ten dereito a vivir do seu propio traballo e a que este sexa xustamente remunerado, establecéndose as condicións necesarias para que se poida vivir e traballar dignamente na propia Terra, en beneficio do conxunto da súa poboación, e para que se poidan exercer os dereitos de liberdade sindical, negociación colectiva e folga, na defensa dos seus intereses económicos e sociais.

O pobo galego ten dereito a adoptar as medidas necesarias que garantan a protección social completa da súa poboación e os coidados que precisen todas as persoas que estean en situación de necesidade, de modo que aseguren a súa autonomía e a súa integración e participación na vida da comunidade, en condicións dignas..

DEREITOS CULTURAIS

O pobo galego ten dereito a usar, preservar e promover a súa propia lingua e cultura, contribuíndo así ao seu enriquecemento e ao de todo o conxunto da humanidade.

O pobo galego ten dereito a usar o galego, como lingua nacional de Galiza, en todo momento e en todo lugar e a velo plenamente normalizado e socialmente vivo, de modo que sexa a lingua vehicular das relacións sociais en Galiza e un medio para explorar e aproveitar integramente a súa dimensión internacional, mantendo relacións privilexiadas cos países da lusofonía.

O pobo galego ten dereito a desenvolver unha cultura viva e vizosa, a aproveitar plenamente as múltiplas potencialidades creadoras que ten, e a que as producións culturais actúen para o desenvolvemento social, preservando as súas mellores tradicións culturais, divulgadas e empregadas como base para a creatividade presente e futura.

O pobo galego ten dereito sobre as súas riquezas culturais, garantindo a súa conservación e o uso e desfrute do seu patrimonio artístico, histórico, arqueolóxico, etnográfico e científico.

O pobo galego ten dereito á cultura e a unha educación en galego, pública, gratuíta e de calidade, inspirada nos valores propios da tradición cultural galega e nos principios da igualdade, solidariedade, tolerancia, pluralismo ideolóxico e laicidade.

O pobo galego ten dereito a participar no progreso científico e técnico como parte da innovación e do patrimonio común da humanidade.

DEREITOS AMBIENTAIS

O pobo galego ten dereito a desfrutar dun medio ambiente saudábel.

O pobo galego ten dereito á conservación, protección e mellora do seu medio natural, da súa biodiversidade e da súa paisaxe, garantindo así a sustentabilidade e o futuro do planeta.

O pobo galego ten dereito a que toda actividade económica, pública ou privada, estea suxeita ao interese comunitario na preservación dos recursos naturais, facendo un uso e planificación de tales recursos en beneficio das xeracións presentes e futuras e evitando a sobreexplotación e degradación da natureza.

O pobo galego ten dereito a estabelecer as políticas que sexan necesarias para un desenvolvemento urbanístico sustentábel e adaptado a cada tipo de asentamento poboacional, no que se garanta o acceso a unha vivenda digna.

DEREITO Á MEMORIA PARA TER FUTURO

O pobo galego ten dereito a recuperar a súa memoria colectiva, a coñecer a súa propia historia e a se recoñecer nela.

O pobo galego ten dereito a socializar e difundir, como calquera nación no mundo, á súa historia para construír o seu futuro no concerto das nacións soberanas. Pondo en valor, especialmente, a secular tradición histórica fundamentada na defensa da Galiza como suxeito político diferenciado.

O pobo galego ten dereito a destecer a ocultación, a manipulación e a desmemoria -fomentadas por terceiros-, para que o pasado, coas súas luces e sombras, sen mitificacións, sirva de base para construír unha sociedade libre, xusta e solidaria.

DEREITO A RELACIÓNS INTERNACIONAL PROPIAS

O pobo galego ten dereito a defender os seus lexítimos intereses e aspiracións diante de terceiros.

O pobo galego ten dereito a establecer relacións pacíficas e mutuamente beneficiosas con todos os pobos do mundo.

O pobo galego ten dereito a vivir en paz, a non ser agredido por outros pobos e a non ser utilizado por terceiros para agresións ou inxerencias noutros pobos.

O pobo galego ten dereito a ser plenamente recoñecido como tal no concerto das nacións e a participar, en igualdade de voz e voto, nos traballos e decisións de todos os organismos internacionais representativos das diferentes vontades soberanas.

O pobo galego ten dereito a traballar pola consecución dun mundo baseado na soberanía dos pobos, desde o internacionalismo que supón a fraternidade, a solidariedade, a paz, a cooperación e o respecto mutuo como principios básicos das súas relacións.

Galiza, 18 de novembro de 2018

[Centenario da Asambleia Nazonalista de Lugo]

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *