VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

172 aniversario dos Mártires de Carral

O 26 de abril de 1846 na vila coruñesa de Carral eran executados os altos mandos do movemento capitaneado por Miguel Solís, no militar, e Antolín Faraldo, no socio-político, en contra do rexime do goberno de Ramón María Narváez e a favor das liberdades galegas. Os executados serían coñecidos como os “Mártires de Carral”.

A seguir reproducimos un texto relativo a esta realidade, da autoría do historiador Xusto Beramendi, catedrático emérito da Univeridade de Santiago de Compostela.

 

No 172 aniversario dos Mártires de Carral: breve noticia do provincialismo galego

A primeira manifestación do galeguismo político, o chamado provincialismo, nace nos anos 1840-1846, no seo do partido progresista, isto é, na esquerda liberal do momento e só uns anos máis tarde que o seu homónimo catalán. Debe o seu nome á defensa da recuperación da unidade institucional preexistente, o Reino ou provincia de Galicia, destruida e fragmentada en 1833 nas catro provincias actuais pola reforma de Javier de Burgos.

O primeiro grupo provincialista, moi concentrado en Santiago, estaba formado por entre cincuenta e setenta persoas, das que máis da metade eran estudiantes da Universidade e o resto médicos, avogados, profesores e algún militar. O seu centro de reunión era a Academia Literaria de Santiago, onde debatían cuestións de historia, dereito, economía e literatura con posturas moi avanzadas que mesmo se interesaban polos socialistas utópicos. Tamén editaban periódicos non diarios, dos que os máis relevantes para a xénese do seu ideario foron El Recreo Compostelano (1842-1843), dirixido por Antonio Neira de Mosquera e Antolín Faraldo e El Porvenir (1845), redactado por este último e Xosé Rúa Figueroa.

Os caracteres diferenciadores deste novo ideosistema en formación respecto do progresismo español, co que seguen a compartir moitos elementos nomeadamente no plano da política, son os seguintes. En primeiro lugar, Galicia, o seu pasado, a súa identidade, os seus problemas e a arela de dignificala pasan a ocupar o centro das súas preocupacións. De aquí que se rebelen contra as aldraxes e estereotipos negativos no pasado e no presente, que pretenden combatir co seu contrario, proclamando as bondades e logros do pobo galego, empezando pola súa independencia pasada.

En concordancia co anterior Antolín Faraldo, nos seus artigos en El Recreo Compostelano, introduce no pensamento galego o historicismo, isto é, a convicción do carácter singular de cada pobo, que se manifesta nunha traxectoria histórica propia e ás veces tamén, como no caso de Galicia, nun conxunto de caracteres étnicos específicos. Para isto último incorporan a tese da orixe celta dos galegos, enunciada en 1838 polo pre-provincialista Joseph Verea i Aguiar na súa Historia de Galicia. En suma, na súa opinión, Galicia era un organismo colectivo que, por existir obxectivamente, tiña uns dereitos culturais, económicos e políticos que compría atender e para iso era necesaria unha descentralización do poder, que non detallaban. Con todo, é evidente que estableceron o embrión do que, andando o tempo, será o concepto de Galiza-nación.

Porén, e se ben de cando en vez falan de nación galega en tempo pasado, a nación presente, en canto suxeito de soberanía lexítimo, de momento seguía a ser para eles a española. E isto era así porque estes primeiros galeguistas, cando pensaban e actuaban políticamente, facíano, non como provincialistas, senón como progresistas (a gran maioría) ou como moderados (só uns poucos).

De aquí a súa participación nas xuntas revolucionarias de 1840 e de 1843 e sobre todo no pronuciamento iniciado polo comandante gaditano Miguel Solís en Lugo o 2 de abril de 1846 contra o goberno moderado de Narváez.

A presenza provincialista na base civil da sublevación foi importante. Dous provincialistas, Pío Rodríguez Terrazo e Antolín Faraldo ocuparon, respectivamente, a presidencia e a secretaría da Junta Superior, ou goberno político, e o segundo dirixiu o seu voceiro La Revolución. A derrota final dos alzados, o fusilamento de Solís e once dos seus oficiais en Carral o 26 de abril e a represión conseguinte provocaron a desbandada transitoria do grupo. Os seus membros tiveron que agocharse ou fuxir de Galicia como nos casos de Antolín Faraldo ou do poeta Francisco Añón.

Antolín Faraldo

Pero ficaron os suficientes para facer de ponte coa xeración seguinte, a de Manuel Murguía, Rosalía de Castro e tantos outros. Estes xoves, que se reunían no Liceo de la Juventud de Santiago, recolleron a herdanza ideolóxica dos precursores, convertiron aos fusilados de Carral nos seus primeiros mártires, reanudaron o desenvolvemento do discurso galeguista e promoveron o rexurdimento literario do galego. En cambio, á penas actuaron en política, de xeito que, até a aparición do rexionalismo en 1885-1900, o provincialismo só foi en realidade unha corrente de opinión no seo da prensa e da intelectualidade galega.

 

Mais neste eido amósaronse moi activos. Foron moitos os periódicos e revistas dirixidos por provincialistas ou nos que estes tiñan unha notable presenza. Entre os máis importantes estaban El Clamor de Galicia (1854-56), de Benito Vicetto na Coruña; La Oliva (1856-57), de Juan Compañel, Alexandre Chao e Manuel Murguía en Vigo; Galicia. Revista Universal de este Reino (1860-66), de Antonio e Francisco de la Iglesia na Coruña; O Tío Marcos d’a Portela (1876-88), de Valentín Lamas Carvajal en Ourense; e La Ilustración Gallega y Asturiana (1878-1882), De Alexandre Chao e

 

Manuel Murguía en Madrid. Case todos estas cabeceiras apoiaron ademais as posturas políticas máis avanzadas durante o reinado isabelino, polo que adoita ser difícil trazar a divisoria entre provincialistas e aqueles progresistas ou demócratas máis receptivos ás peculiaridades de Galicia.

A axitada loita política do sexenio 1868-1874 eclipsou de momento a voz provincialista que, sen embargo, se recuperou rápidamente na primeira década da Restauración.

Os legados maiores do provincialismo foron o rexurdimento literario, a consolidación dunha historiografía galeguista e as bases conceptuais maiores das ideoloxías rexionalista e nacionalista posteriores. A vontade provincialista de devolver ao idioma do pobo o seu perdido rango de lingua culta e literaria é o motor do Rexurdimento. Os poetas precursores (Camino, Añón, Pintos) pertencen á primeira xeración de provincialistas, pero serán os da segunda (Rosalía, Pondal) e os da terceira (Curros Enríquez, Lamas Carvajal) quen lle darán o pulo definitivo. Como é ben sabido este renacer ten, no período propiamente provincialista, dous grandes fitos: os primeiros Xogos Frorais (A Coruña, 1861), dos que as composicións presentadas se publican no Álbum de la Caridad en 1862 xunto cunha antoloxía que inclúe xa cuarenta poetas en galego; e os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro en 1863. Xa nos anos oitenta, na trasición do provincialismo ao rexionalismo, chegará a consolidación no eido da poesía, se ben a da prosa literaria e ensaística en galego terá que agardar ás Irmandades da Fala (1916-1931), das que celebramos este ano o seu centenario.

O 22 de maio de 1904 inaugouse o cruceiro en homenaxe aos “Mártires da Liberdade” en Carral.

 

O segundo aspecto fundamental deste proceso é unha reconstrucción da historia de Galicia que senta as bases do discurso rexionalista e nacionalista posterior. As ideas de Faraldo son reelaboradas por Murguía en 1865, na introducción a súa Historia de Galicia, quen deixa case completo o concepto de Galicia-nación: a raza celta, asentada na terra galega, desenvolveu un alma ou carácter nacional, logo perfeccionado pola incorporación do cristianismo. Isto, sumado á lingua propia, fan do galego un pobo nacionalmente diferente de calquera outro. Ficaba a disposición das xeracións seguintes a idea central e impresindible para calquera nacionalismo.

*Este artigo apareceu no A Fondo número 138, que viu a luz conxuntamente co Sermos Galiza número 191 a 14 de abril de 2016.