VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

A campaña “Galiza nación. Un pobo con dereitos” de coloquio en Vigo con Neves Rodríguez e Henrique del Bosque

Dentro da campaña “Galiza Nación. Un pobo con dereitos”, que leva desenvolvendo Vía Galega, organízase esta palestra e coloquio en Vigo, o vindeiro 25 de marzo, ás 19,30 horas no salón de actos da CIG. Nela intervirán Henrique del Bosque e Neves Rodríguez. Debido ás medidas de prevención da covid, haberá aforo diminuído, así como a obrigatoriedade de asistir con máscara. Recoméndase solicitar acceso no correo vigo@viagalega.gal.

O obxectivo desta campaña, e, polo tanto tamén, destes actos, é desmontar a idea de que somos un pobo sen estima, sen capacidade de seu, un pobo acomplexado que precisa vivir á sombra doutros pobos, doutras culturas, para existir. Fai falla que coñezamos e dar a coñecer a nosa propia valía, as nosas capacidades, con cultura e lingua propias, que nada nos fan envexar a outras culturas ou pobos. Que a subordinación na que vivimos é unha cuestión política, unha decisión que nada ten a ver coa realidade do noso país. Somos unha nación á quen lle está negada a propia soberanía e iso lévanos a non podermos xestionar os recursos propios, que son moitos, e o beneficio destes non revirtan en nós.

É importante dar a coñecer que somos unha nación, con capacidade para existir e exercer como tal e así se recolleu no ano 1933 no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións. E isto é así porque Galiza ten unhas características individuais que lle dan este carácter: unha lingua propia, un territorio diferente, unha vida económica peculiar coa súa estrutura singular diferenzada, uns hábitos sociolóxicos que nos fan diferentes como pobo e unha cultura de seu.

Esta campaña está complementada coa axitación de rúa en forma de cartaces e vídeos de diferentes persoas do país coñecidas polo seu traballo na literatura, no audiovisual, na música, na política…e rematará cunha importante manifestación nacional o vindeiro mes de abril en Compostela.

Dentro desta campaña tamén se editaron camisolas e crachás que se poden adquirir poñéndose en contacto con Vía Galega no correo vigo@viagalega.gal.