VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

A campaña “Galiza nación. Un pobo con dereitos” de coloquio na Coruña

A Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 asociacións culturais e sociais, convoca un coloquio aberto ao público ao abeiro da campaña “Galiza nación. Un pobo con dereitos”, que será este xoves 26 de novembro ás 19.30 horas na AC Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 6 1º) da Coruña. Contará coas intervencións de Adela Figueroa Panisse, presidenta da Fundación Eira e expresidenta de Adega; e de Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras; e será dinamizado pola actriz Isabel Risco. Cómpre inscribirse enviando un correo a acab@mundo-r.com

O obxectivo desta campaña, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, consiste en que se asuma con naturalidade e consciencia a realidade obxectiva de que Galiza é unha nación, con vontade de existir e de exercer como tal, como se recoñeceu oficialmente en 1933 no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións. Quérese tamén fomentar a estima colectiva para que cada vez sexa máis pobo o que acredite e tome conciencia de que a nación galega existe e ten futuro.

Ademais da distribución de folletos explicativos e de cartaces nas vilas e cidades, realizouse un vídeo que define as características que conforman a nación galega e un percorrido histórico e reivindicativo. Persoas referentes da sociedade galega participaron tamén nesta campaña mediante a gravación de cadanseu vídeo para explicar como perciben que Galiza é unha nación. Entre elas figuran Manolo Rivas, Isabel Risco, Suso de Toro, Olaia Maneiro, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Neves Rodríguez, Antón Ruanova e Pilar Pallarés.