VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

A USC acollerá un novo coloquio da campaña “Galiza nación. Un pobo con dereitos”

Tras o gran suceso do encontro celebrado o pasado 14 de decembro no Centro Sociocultural das Fontiñas (rúa Berlín, 13, Compostela), a Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 asociacións culturais e sociais organiza un novo coloquio na Universidade de Santiago de Compostela.

A nova convocatoria deste segundo coloquio aberto ao público no marco da campaña “Galiza nación. Un pobo con dereitos” será o próximo 16 de marzo do 2021 ás 19:00 horas na Facultade de Xeografía e Historia. Contará coa proxección dun vídeo documental e coas intervencións de María Alonso, Rubén Cela e Pablo Carracedo “Jasper”.

O obxectivo da campaña “Galiza nación. Un pobo con dereitos”, consiste en que se asuma con naturalidade e consciencia a realidade obxectiva de que Galiza é unha nación, con vontade de existir e de exercer como tal, como se recoñeceu oficialmente en 1933 no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións. Quérese tamén fomentar a estima colectiva para que cada vez sexa máis pobo o que acredite e tome conciencia de que a nación galega existe e ten futuro.

Ademais da distribución de folletos explicativos e de cartaces nas vilas e cidades, realizouse un vídeo que define as características que conforman a nación galega e un percorrido histórico e reivindicativo. Persoas referentes da sociedade galega participaron tamén nesta campaña mediante a gravación de cadanseu vídeo para explicar como perciben que Galiza é unha nación. Entre elas figuran Manolo Rivas, Isabel Risco, Suso de Toro, Olaia Maneiro, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Neves Rodríguez, Antón Ruanova e Pilar Pallarés.