VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

A Xunta Electoral denega o acto en conmemoración dos Mártires de Carral

A Plataforma Vía Galega, que integra máis 50 entidades sociais e culturais, vén de recibir a comunicación da Xunta Electoral Provincial que denega a celebración do acto programado para o próximo día 27 de abril, co que se pretendía dar a coñecer e conmemorar os feitos da Revolución Galega de 1846 e en lembranza dos Mártires de Carral. A Xunta Electoral Provincial alega como motivo para non autorizar este acto a coincidencia da data coa xornada de reflexión e ”ante el riesgo de que en el curso de la manifestación se produzcan actos de campaña electoral que puedan incidir en el ejercicio del derecho de voto”.

O acto estaba previsto para o vindeiro sábado onde se ía representar a peza teatral “Abril de Lume e Ferro”, escrita por Manuel María, seguido dunha intervención de carácter histórico por parte dun portavoz de Vía Galega e dunha ofrenda floral diante do monumento que lembra os mártires.

Deste xeito, ante este recorte de liberdades para dar a coñecer un feito tan relevante na historia de Galiza, Vía Galega opta por mudar o formato do acto e a data, co que se limita a realizar unha ofrenda floral, o venres 26 de abril, ás 12:00 horas, ao pé do Monumento aos Mártires da Liberdade, en Carral.

Vía Galega pretendía, con este acto, dar a coñecer á sociedade galega os acontecementos de 1846, nos que unha sublevación popular e militar deu lugar á Xunta Revolucionaria do Goberno de Galiza, fronte á política centralista española e reaccionaria capitaneada polo xeneral Narváez. Durante un mes, aquel ‘movemento insurrecto’, como foi cualificado na prensa da época, protagonizou, en clave nacional galega e progresista, combates contra as tropas enviadas polo Goberno español absolutista.

Eses feitos quedaron gravados na memoria colectiva e foron xermolo do galeguismo do Rexurdimento e do nacionalismo das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. En maio de 1904 ergueuse, a iniciativa da Liga Galega da Coruña, o monumento aos Mártires da Liberdade que está en Carral.

Vía Galega quere denunciar publicamente a prohibición destes actos, por parte da Xunta Electoral Provincial, por coartar o dereito de liberdade de expresión ao alegar motivos electorais, cando é unha iniciativa cívica, plural, apartidaria, que non participa na campaña electoral nin fixo pronunciamento público ningún alusivo ao tema ou ás forzas políticas que se presentan.
Vía Galega realiza, así pois, un chamado á participación na ofrenda floral programada para o proprio venres 26 de abril, ás 12,00h., ao pé do devandito monumento, así como a colaborar na difusión do audiovisual conmemorativo editado e que nos próximos días estará dispoñíbel na web www.viagalega.gal e nas redes sociais.

Portavocía nacional de VIA GALEGA