A plataforma Vía Galega celebrará este mércores 31 de marzo ás 19:30 horas un acto público na sala de conferencias do Auditorio de Galiza de Vilagarcía de Arousa, acto enmarcado dentro da campaña “Galiza nación, un pobo con dereitos”, que a plataforma está a levar a cabo por diferentes cidades e vilas de Galiza.
Neste acto terán lugar as intervencións de Rafael Iglesias, membro de Vía Galega, Xosé Castro Ratón, activista social e Hortensia Rodríguez , licenciada en económicas. O obxectivo desta campaña é que se asuma con naturalidade a realidade de que Galiza é unha nación con vontade de existir e de exercer e fomentar a estima colectiva para que cada vez sexa máis pobo o que acredite e tome conciencia de que a nación galega existe e ten futuro.
Diversas persoas referentes da sociedade galega como Manolo Rivas, Isabel Risco, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Olaia Maneiro, Neves Rodríguez ou Francisco Rodríguez, entre outras, participaron tamén desta campaña amosando o seu apoio e dando o seu punto de vista a respecto da realidade nacional de Galiza.