VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Apresentouse ‘Vía Galega’ en Lugo

Coa asistencia de arredor de 30 persoas, no local do Centro Social “Mádia Leva”, apresentouse VIA GALEGA en Lugo, o pasado día 11 de maio. Expúxose por parte dos representantes desta plataforma social, o proceso de como se conformou, o número de entidades que a integran neste momento e os dous principios fundamentais que a mesma defende e que ten que aceptar calquera entidade que queira adherirse. Estes dous principios son: Galiza é unha nación. Galiza ten dereito a exercer a súa autodeterminación.  O principal obxectivo pois de Vía Galega, é traballar para concienciar á maioría da sociedade galega da importancia destes dous principios e da necesidade de defendelos e de mobilizarse para facelos realidade, se queremos ter futuro como pobo diferenciado e poder desfrutar dunhas condicións de vida e de traballo dignas na nosa terra.

Fíxose especial fincapé nunha das actividades que ten previsto facer VIA GALEGA, con carácter nacional, no mes de novembro deste ano, en Lugo. En concreto a celebración dunha Asemblea Nacional, coa aprobación da Carta de Dereitos do Pobo Galego, en conmemoración da primeira Asemblea Nacionalista celebrada en 1918, nesta cidade, convocada polas Irmandades da Fala. Adquiriuse o compromiso de constituír proximamente Vía Galega na cidade de Lugo, coa idea de que a mesma desempeñe un papel importante a hora de proporcionar a infraestrutura necesaria para celebración desta Asemblea Nacional do mes de novembro.

Estiveron presentes na mesa en representación de VIA GALEGA, Joám Bagaria e Suso Seixo.