VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Apresentouse ‘Vía Galega’ en Vigo

O pasado xoves, día 10 de maio, tivo lugar a apresentación de VIA GALEGA na cidade de Vigo, no salón de actos do Colexio de Arquitectos. A apresentación correu a cargo de Manuel Xestoso, Ana Bringas e Suso Seixo, que expuxeron os motivos polos que se crea esta Plataforma Social, a importancia de que a mesma se consolide e fortaleza de cara a facer máis eficaz a defensa dos dereitos nacionais de Galiza, principal obxectivo de VIA GALEGA e que hoxe se concreta na defensa de dous principios, Galiza é unha nación e como tal ten dereito a exercer o dereito de autodeterminación.

Durante a exposición dos motivos que deron pé á constitución de VIA GALEGA, púxose de manifesto a importancia que tería para a mellorar da calidade de vida das clases populares galegas e para a nosa dignificación como pobo, que Galiza puidera exercer realmente a súa autodeterminación decidindo soberanamente sobre a súa cultura, o seu ensino, os seus sectores produtivos, a súa enerxía, as súas relacións laborais, o seu sector financeiro, etc. e todo elo de forma normalizada no noso idioma, o galego.

Todo isto, ademais de ser un dereito, é unha necesidade para garantir o noso futuro como pobo diferente e unhas condicións de vida e de traballo dignas para a nosa sociedade. Durante o coloquio houbo diferentes intervencións interesándose polo funcionamento de VIA GALEGA, pola forma de poder participar na mesma, que actividades en concreto ía a desenvolver, de si estaba pola independencia de Galiza, de cómo se concretaba a aplicación do principio de autodeterminación …

Expuxéronse tamén, por parte de Suso Seixo, as actividades que a Plataforma ten previsto celebrar de aquí a finais de ano.

O acto de apresentación contou coa asistencia de 90 persoas que ocuparon a grande maioría do espazo dispoñíbel.