VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Cantar a nación. Actos conmemorativos polo aniversario do himno galego

Via Galega e Galiza Cultura conmemoran, o 20 de decembro, o 117 aniversario da estrea do Himno Galego con diferentes actos en toda Galiza

O próximo 20 de decembro de 2024, vanse cumprir 117 anos que no Gran Teatro da Habana se interpretaba por primeira vez, solemnemente, o himno nacional galego. Este fito histórico, tan relevante, non podía pasar desapercibido para Vía Galega e Galiza Cultura pola importancia que o himno, como símbolo nacional, ten para fortalecer a nosa autoestima e para cohesionarnos colectivamente. O himno galego identifícanos e representanos como nación. Como símbolo nacional amosa a nosa vontade de ser e existir como pobo, ao tempo que reclama o dereito a sermos libres.


Para conmemorar está efeméride e reclamar a restauración do texto do himno conforme ao texto orixinal, creado por Eduardo Pondal, convidámoste a participar nos actos que imos desenvolver o 20 de decembro, ás 20h, en diferentes localidades da Galiza.

O coordenador de Vía Galega, Anxo Louzao afirmou que “desde hai tempo vimos desenvolvendo unha campaña intensa con numerosos actos e actividades por toda a xeografía galega e con diversas publicacións sobre os símbolos nacionais de Galiza, o himno e a bandeira. Un fito histórico da relevancia da estrea “oficiosa” do noso himno, o 20 de decembro de 1907, non podía pasar desapercibido para Vía Galega e Galiza Cultura, pois o himno é a afirmación patriótica da nación galega e amosa as súas ansias de liberdade. O himno identifícanos como pobo e nel vémonos representados todos  os galegos e todas as galegas”

Ante a galopante españolización e a imposición de simboloxía allea a Galiza- que moitas veces promove ou apoia a propia Xunta de Galiza, no canto de realzar e propagar os nosos símbolos- Vía Galega e Galiza Cultura están empeñadas en popularizar e divulgar ao máximo o Himno Galego e dar a coñecer a súa xénese, historia e significado. Por iso, este 20 de decembro nas sete cidades galegas, ás oito da noite, Vía Galega e Galiza Cultura, celebrarán diferentes actos, con distintas actuacións, que todos eles se cerraran coa interpretación do himno galego completo, coa súa letra restaurada, de acordo co texto fidedigno, creado por Eduardo Pondal para o Certame  Musical, convocado en 1890 na Coruña e organizado por Pascual Veiga.

ACTOS PREVISTO PARA O 20 DE DECEMBRO 2024

  • A Coruña: Diante do Teatro de Rosalía de Castro (20:00h)
  • Compostela: Teatro Principal (20:00h)
  • Ferrol: Centro Cultural Torrente Ballester (20:00h)
  • Lugo: Diante da Deputación (12:00h)
  • Ourense: Edificio de Ferro – Facultade de Educación (20:00h)
  • Pontevedra: Biblioteca Pública de Pontevedra (20:00h)
  • Vigo: Auditorio Mar de Vigo (20:00h)