O 20 de decembro cúmprense 118 anos que no Gran Teatro da Habana se interpretaba por primeira vez, o himno nacional galego. Este fito histórico, tan relevante, non podía pasar desapercibido para Vía Galega e a Federación Galiza Cultura pola importancia que o Himno, como símbolo nacional, ten para fortalecer a nosa autoestima e a nosa identificación e unidade como pobo. Para conmemorar esta efeméride e reclamar a restauración do texto do Himno conforme ao texto orixinal, creado por Eduardo Pondal, un anos máis, Vía Galega e a Federación Galiza Cultura organizan actos en diferentes cidades e localidades de Galiza arredor do 20 de decembro, baixo o título, Cantar a nación.
A continuación, achegamos a relación con cadanseus datos:
Mércores 17 de decembro
A Coruña ás 20h.- fronte ao Teatro Rosalía, coa actuación do Coro Cántigas da Terra
Lugo ás 19:30h.– Mercado Quiroga Ballesteros, coas corais: Lucus Terra, Cántigas e Frores e Solo Voces
Allariz ás 19h.- Fogar do Maiores co grupo Xolda
Pontevedra. ás 20h– Praza da Verdura Grupo Maravallada.
Vigo ás 20h.- Auditorio Centro Cívico de Teis. Con Cantares de Brión e os Gaiteiros Os Erdeiros dos Morenos de Lavadores.
Venres 19 de decembro
Santiago de Compostela ás 20h.– Teatro Principal, coa actuación do Cor da Ra e De Ninghures.
Sábado 20 de decembro
Ferrol ás 19h – Salón de Actos do Antigo Hospicio
Nos actos darase lectura a un manifesto elaborado para a data e rematarase cantando o Himno completo tal e como o escribiu Eduardo Pondal. Estes actos enmárcanse dentro desa liña de traballo que as dúas entidades veñen desenvolvendo para difundir os nosos símbolos nacionais: o himno e a bandeira, unha liña de traballo que responde a esa intensa e acelerada españolización. Mais o obxectivo principal destes actos é difundir e socializar a letra fidedigna do Himno galego.
É inadmisíbel, pero tamén froito dunha desidia e dun autoodio terríbel por parte do goberno da Xunta, que 40 anos máis tarde da aprobación da Lei de Símbolos de Galiza, teñamos que estar reclamando por parte das entidades sociais que se restitúa o himno oficial de Galiza coa súa versión correcta. Sobre todo, cando hai xa 33 anos que, o profesor da Universidade da Coruña, Manuel Ferreiro, comprobou as alteracións e erros que se foron transmitindo no Himno, alleos ao texto orixinal e vontade de Pondal.
Neste senso, e malia as repetidas iniciativas presentadas, desde o ano 1996, por Pilar García Negro, en representación do BNG no Parlamento non houbo absolutamente ningún avance. En 2023, ámbalas dúas entidades recolleron case 16 mil sinaturas nunha proposta de Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para reclamar que se puxese fin a esta anomalía. Aquela iniciativa foi rexeitada cos votos en contra do PP e PSOE e só contou cos votos favorábeis do BNG. Naquel momento o acordo era o de crear unha comisión no parlamento, a cal está paralizada por parte do PP.
Hai unhas semanas, Vía Galega era coñecedora dun informe elaborado pola Real Academia Galega, solicitado pola comisión parlamentaria creada para a analizar a restauración do Himno, no que avalaba a proposta de restitución recollida naquela ILP formulada en setembro de 2023. Unha vez coñecido este informe, instamos ao Parlamento galego, a que por fin, asuma a súa responsabilidade e dea os pasos necesarios para reparar esta anomalía histórica.
