VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Celebrada en Compostela a primeira das palestras que ligan emigración e falta de soberanía

A facultade de Historia e Xeografía da USC acolleu este 28 de outubro a primeira das palestras que convoca Vía Galega no marco da súa campaña «Non emigramos. Expúlsannos», e que pretende pór en relación a emigración galega coa falta de soberanía política de Galiza. Nesta ocasión interviron Lucía Veciño en nome da Coordenadora de Vía Galega; Paulo Alonso, de Erguer; Xosé Lois Leirós, da asociación de emigrantes galegos retornados Marusía, e o catedrático de análise xeográfica rexional da USC, Rubén Lois.

Lucía Veciño foi a encargada de abrir a intervención cunha exposición do que é a Vía Galega e dos obxectivos da campaña en que se enmarca esta palestra, indicando os pasos xa dados — entre os cales o envío a todos os concellos do país dunha proposta de moción que insta á Xunta a establecer unha ponencia sobre emigración no Parlamento galego — e avanzando máis debates e tamén as vindeiras concentracións que decorrerán o día 14 de decembro en ducias de concellos. Veciño explicou que o obxectivo de Vía Galega era evidenciar a ligazón directa entre a falta de soberanía política e o repunte da emigración, con especial destaque para as mozas e mozos. Máis de 80.000 abandonaron Galiza nos últimos anos.

Paulo Alonso, membro do sindicato estudantil Erguer, fixo tamén fincapé nesas cifras, desmentindo que a emigración xuvenil galega se deba a calquera espírito aventureiro, senón á falta de perspectivas de futuro que hai no noso país, relacionando isto último coas políticas de destrución do tecido industrial, de tercerización da economía, de pioramento das condicións de vida no rural ou de progresivo aumento da dependencia económica de Galiza a respecto do centro do Estado: «Estas políticas non son casuais; son propositadas. E os seus efectos son tamén procurados a propósito, para nos tornar máis dependentes de Madrid».

A continuación, Xosé Lois Leirós falou da súa experiencia como emigrante en Suíza durante trinta anos e da capacidade que a emigración galega tivo, historicamente, para se organizar no exterior e manter viva a cultura e a identidade propias, e a vontade de retornar a Galiza. Mais, sobre todo, cargou contra a instrumentalización que se vén facendo desde hai décadas das colectividades emigradas, promovendo unha visión folclorista do país, desmobilizándoas politicamente e deixando que esmorezan lentamente, principalmente en Europa. Ademais, criticou os poderes públicos que desde a ditadura franquista fixeron que o esforzo económico feito pola diáspora se limitase a paliar a miseria en lugar de criar as condicións para que puidese servir de punto de apoio para iniciar procesos económicos autocentrados que fixesen da Galiza un espazo menos dependente dos intereses do Estado no plano económico.

O último en intervir foi o catedrático de análise xeográfica Rubén Lois, que relacionou os datos da emigración galega actual coa ruptura do ciclo formativo-laboral normal, e chamou a atención sobre o feito de que a Galiza actual está a expulsar a xeración mellor preparada da súa historia para outros países, onde mozas e mozos galegos contribúen a desenvolver as súas economias e as súas sociedades. Lois relacionou tamén esta situación cos intentos de disciplinamento das zonas máis conflitivas — a través do envellecemento da poboación e da saída dos seus elementos máis dinámicos — e coa perda de poder político que representa a acusada crise demográfica en Galiza.

A palestra continuou coa intervención de varias persoas do público, que serviron para por acima da mesa e debater algúns aspectos non tratados nas intervencións anteriores e que animaron a plataforma Vía Galega a continuar a campaña.