VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Comunicado de Vía Galega ante o regreso da selección galega de fútbol

O anuncio da volta da selección galega de fútbol é valorado por Vía Galega como insuficiente, por non enmarcarse nun calendario estábel de competicións das nosas seleccións e renunciar a conseguir a súa oficialidade.

Ante o anuncio da volta da selección galega de fútbol, despois de oito anos sen disputar ningún partido, Vía Galega lamenta que tiveramos que agardar todo este tempo para só asistir ao anuncio dun encontro amigábel sen marcarse outros obxectivos irrenunciábeis, como son o fixarse un calendario de encontros anuais e a disposición e vontade de conseguir que Galiza teña dereito a competir coas súas seleccións deportivas absolutas a nivel oficial e internacional en todas as modalidades, categorías e disciplinas deportivas e, tamén, conformar seleccións galegas femininas e masculinas en todas as categorías e disciplinas deportivas.

Por tanto, Vía Galega reclama que o novo Goberno Galego e o seu presidente, o señor Alfonso Rueda, que se vai constituír nos próximos días, asuma a proposta -que foi avalada por miles de sinaturas, defendida no parlamento mediante unha Proposición Non de Lei por Iniciativa Popular, promovida por Vía Galega, e respaldada por persoas significativas de diferentes deportes- de conseguir a oficialidade para as nosas seleccións, tal como xa acontece, por exemplo, con países como Escocia ou Gales, que non contando con estado propio como Galiza.

Necesitamos competencias lexislativas plenas para que os nosos e nosas deportistas teñan máis oportunidades, para o recoñecemento oficial das nosas seleccións, para rematar coa nosa subordinación ás federacións españolas e para amosarnos como nación que somos. O preocupante é que, até de agora, a Xunta da Galiza nin esixe competencias plenas no ámbito deportivo, nin crea seleccións galegas, sendo a única responsábel que non existan competicións amigábeis das seleccións absolutas en todas as disciplinas deportivas.

As nosas seleccións nacionais deportivas represéntanos como pobo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade, a unha nación. Afianzan a identidade colectiva e contribúen á cohesión social. Porén, impídesenos competir oficial e internacionalmente, coa única excepción do fútbol gaélico. Por iso, Vía Galega continuará na loita até termos as nosas seleccións deportivas, as únicas que nos representan como Pobo e nos amosan como nación.