Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023.- Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña, máximo investigador do noso himno e membro da comisión promotora da Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión; xunto a Xosé Manuel Carril, presidente de Galiza Cultura, e Anxo Louzao, coordenador de Vía Galega, mantiveron, hoxe, 7 de marzo, na sede do Consello da Cultura Galega unha reunión coa súa presidenta, Rosario Álvarez.
Este encontro encádrase dentro das diferentes entrevistas que estamos a realizar con colectivos e institucións para dar a coñecer a ILP e conseguir os máximos apoios. A presidenta do CCG mostrouse interesada pola nosa proposta, afirmando que o contexto actual é diferente ao do ano 2003 – data en que a executiva do CCG emitiu un informe sobre a restauración da letra do himno galego – e que se o Parlamento lle solicitaba un novo un informe non terían inconveniente en elaboralo, correspondéndolle á comisión executiva do CCG aprobalo.
Nesta reunión trasladámoslle a necesidade de modificar a Lei de Símbolos de Galicia de 1984 para restaurar o noso himno conforme ao resultado das investigacións e diferentes edicións da historia do mesmo do profesor Ferreiro, onde se demostra e se recupera documentalmente o texto fidedigno do Himno Galego, de acordo co texto orixinal e a vontade do seu autor, Eduardo Pondal. Alén doutras cuestións de menor transcendencia, mostra a existencia de catro alteracións de importancia: 1) Problemas de presentación formal e de puntuación, de forma que no texto oficial mesmo desapareceu a indicación de que o texto é un diálogo (pregunta aos piñeiros, na primeira estrofa, e resposta destes nas tres estrofas restantes); 2) Presenza de formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano, nomeadamente castelanismos e hiperenxebrismos (ronco / rouco, iñorantes / ignorantes); 3) Aparición de formas idiomáticas falsas, inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega (féridos / férridos); 4) Deturpación da expresión orixinal mediante un proceso de banalización textual (chan / clan ‘pobo’).
Cómpre destacar, tamén, o apoio e a asunción da ILP que nos trasladou a Asociación de Gaiteiros de Galicia (AGG).
Temos que afirmar que tanto na campaña de recollida de sinaturas da ILP como nos diferentes encontros, entrevistas e contactos que estamos tendo, encontramos unha gran receptividade a esta proposta.