Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022.- Unha representación de Vía Galega, Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, mantivo unha reunión esta mañá co secretario xeral para o Deporte. Asistiron a esta entrevista os membros da coordenadora de Vía Galega Antón Laxe e Anxo Louzao.
Ademais de informalo da campaña que Vía Galega está despregando por toda Galiza, baixo o lema de “Galiza, un Pobo, unha selección”e da grande acollida desta iniciativa, presentáronlle as propostas e reivindicacións que foron avaladas por máis de 4.300 sinaturas, entre elas deportistas significados, que subscribiron o manifesto e que se concretan en conformar seleccións galegas en todos os deportes, termos o dereito a competir non só amigabelmente, senón, tamén, a nivel oficial e internacional; o dereito de Galiza a estar representada, como tal, en todas as disciplinas deportivas; a que os nosos e nosas deportistas e deportistas poidan competir baixo a bandeira galega e a impulsar a igualdade de xénero.
Desde Vía Galega lamentan que o secretario xeral non se amosou nada receptivo ás propostas desta plataforma social. Afirmou que se encontraban cómodos no actual marco competencial e lexislativo. Por tanto, ao seu entender, as seleccións galegas non deben ter dereito a competir oficial e intencionalmente naquelas disciplinas en que hai federación española. Non ven necesario nin reclamar competencias nin interese por mudar o marco lexislativo para podermos competir como galegos e galegas. Pero, é máis, chegou a afirmar que “non van gastar un duro”en promover e apoiar partidos amigábeis das seleccións. Non é a súa prioridade e, por tanto, desbotou fixar un calendario estábel de encontros amigábeis, nin sequera se comprometeu a que este ano se retomen os encontros da Irmandiña. Só se limitou a afirmar que non porían reparo se as federacións promovían encontros amigábeis, máis sen apoio económico. Iso si, estarían no palco.
Non deixa de ser preocupante o desleixo e despreocupación da Xunta de Galiza para que no deporte poidamos amosar como nación que somos. Esta posición de negarnos a nosa identidade colectiva no deporte supón unha total orfandade do noso Pobo e limitar as oportunidades aos/ás deportistas galegas.
Vía Galega continuará, se cabe, con máis forza coa campaña, pois estamos certos do dereito e xustiza da nosa reivindicación e, tamén, da necesidade de termos outro Goberno na Xunta que dea acougo ás nosas reivindicacións.
Compostela, 15 de marzo de 2022