VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Exhibe a bandeira galega na túa vivenda e participa nos actos  de izamento  do 23 de novembro

VÍA GALEGA vén promovendo diferentes campañas e iniciativas para propagar e popularizar os nosos símbolos nacionais, nomeadamente o himno e a bandeira. Vai para tres anos que fixamos   como semana  de exhibición da bandeira a semana coincidente co aniversario  do desenvolvemento, durante o 17 e 18 de novembro de 1918, da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala. Este ano coincidindo cos 106 anos daquela  efeméride,  Vía Galega continúa   empeñada en revitalizar os  nosos símbolos nacionais, por iso facemos un chamamento para que durante esta semana, do 17 ao 23 de novembro, se coloquen bandeiras nas nosas vivendas e, así,  cubrir toda a xeografía galega de bandeiras Galegas.

Remataremos a campaña o día 23 de novembro cun acto simultáneo, ás 12 da mañá, en diferentes localidades de toda Galiza, que consistirá no izamento e  colocación  da bandeira galega  en lugares vistosos para que perduren no tempo.

A galopante españolización e, por tanto, o ocultamente dos nosos símbolos patrios fai cada vez máis necesario impulsar campañas para divulgar o uso dos nosos símbolos, os únicos que nos representan,  identifican  e recoñecen como  pobo e que fortalecen a nosa conciencia e cohesión nacional.

Ao día de hoxe, xa temos confirmado que numerosos concellos van colaborar na campaña, fixando e izando unha bandeira galega no su municipio. Ao mesmo tempo,  vanse realizar diferentes actos, nos que está previsto, entre outras propostas, actuacións musicais,  lectura do  manifesto de Vía Galega e o  recitado de poemas referidos a nosa bandeira de Marica Campo, Manuel María, Ramón Cabanillas, López Abente, Delgado Gurriarán e Pousa Antelo. Toda a  nosa gratitude a Marica Campo  pola súa xenerosidade, que compuxo un poema a bandeira galega  expresamente  para  esta celebración.

Vía Galega proseguirá co obxectivo de que todos os concellos  e vilas coloquen bandeiras galegas en lugares visíbeis e que permanezan no futuro por ser  a expresión da nosa existencia como Pobo e do dereito a sermos libres.