Vía Galega convoca unha concentración na Coruña para rexeitar a presenza do Rei na apertura do curso universitario
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2019.- A plataforma Vía Galega convoca unha concentración o vindeiro 30 de setembro ás 11:00 h. ante a Reitoría da Universidade da Coruña por mor da presenza do Rei no acto institucional de inicio de curso académico do Estado.
Desde Vía Galega faise un chamado a participar nesta concentración para rexeitar a presenza do Rei Filipe de Borbón como representante dunha institución anacrónica, como a monarquía española, que nega os dereitos do pobo galego.
Co lema “Galiza non ten Rei, avante a República Galega”, esta plataforma quere expresar que a monarquía fai parte dun sistema inxusto, onde prevalecen os privilexios e a herdanza do franquismo, que fomenta o centralismo e a dependencia de Galiza, ademais de limitar os dereitos para o ensino público galego.
Deste xeito, as persoas interesadas poden participar neste acto de desaprobación da asistencia de representantes da Coroa española na apertura do curso académico, previsto para o 30 de setembro ás 11:00 na rúa da Maestranza, número 9, na Reitoría da UDC.
A plataforma Vía Galega, que integra máis 50 entidades sociais e culturais en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, ademais de organizar conmemoracións históricas ten en marcha diversas actividades como a expedición dun pasaporte galego ou a recollida de sinaturas da Carta de Dereitos do Pobo Galego, todas elas encamiñadas á difusión do recoñecemento de Galiza como nación e á reclamación do dereito de autodeterminación.