Galiza, un Pobo, unha selección
Asina o manifesto: https://i.gal/manifestoVG
Galiza, como Pobo, creou a súa cultura e idioma. Asentou as súas tradicións e patrimonio. Construíu os seus símbolos e sinais de identidade, que se manifestaron no percorrer da súa historia, mais o centralismo que nos abafa impídenos amosarnos no deporte como País que somos.
No ano 2022 fanse 100 anos da xestación da primeira selección absoluta de fútbol da Galiza. Desde aquela pasou por diferentes etapas e flutuacións, recuperándose en 2005, mais sen ningún signo de continuidade e permanencia. No 2007 vaise formar a primeira selección feminina, aínda que hai máis de cinco anos que tanto esta como a masculina non disputan ningún partido amigábel, pois como é sabido temos prohibido participar en torneos ou competicións oficiais.
O mesmo sucede nos outros deportes. As seleccións absolutas de baloncesto levan sen competir desde 2008. A masculina de balonmán leva sen xogar desde 2006 e a feminina desde 2008. O mesmo podemos dicir da selección de fútbol sala, que debutou no 2008 e non tivo continuidade. Nas outras modalidades deportivas, as seleccións galegas nin sequera se formaron para competir amigabelmente. Vétase que os e as nosas deportistas representen Galiza nas competicións internacionais, mesmo naquelas modalidades nas que somos potencia mundial, como o triatlón, a vela ou o piragüismo.
Galiza conta cunha importante estrutura social ligada á actividade deportiva, así como cunha extensa rede deportiva, tanto federada como non federada. Son incontábeis os clubes, as escolas, agrupacións ou asociacións deportivas que proliferan por todo o País. No entanto, fúrtasenos o dereito a poder competir oficialmente e poder proxectar Galiza polo mundo adiante.
As seleccións nacionais deportivas representan todo un pobo, danlle acougo a un sentimento colectivo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade, a unha nación. Afianzan a identidade colectiva e contribúen á cohesión social, pois o deporte non só é fonte de saúde, tamén axuda a vertebrar a sociedade e tende lazos de amizade e solidariedade.
Como galegas e galegos padecemos, froito do sometemento que sufrimos, de falta de autoestima colectiva. Todo o que nos identifica e nos fai galegos e galegas prohíbese, ocúltase ou trátase como irrelevante. É dicir, subordínase ao de fóra, ao alleo. Esta é a razón polo que se nos nega un dereito tan elemental como termos as nosas seleccións deportivas, que nos representen e visibilicen Galiza no exterior.
Vémonos nunha situación de orfandade e desamparo. O goberno do Estado impide o noso recoñecemento e o goberno da Xunta subordínase e móstrase cómodo e satisfeito con esta situación, pois nin sequera promove competicións amigábeis nin fomenta a creación de seleccións galegas.
Galiza no deporte, como noutros ámbitos, brilla con luz propia. Mais a súa dependencia deportiva eclipsa o seu historial e palmarés, e incita a unha percepción da realidade distorsionada na que estamos infravalorados como Pobo. Precisamos poder ser nós mesmos, cambiar o rumbo. Necesítanse mudanzas lexislativas para o recoñecemento oficial das nosas seleccións e rematar coa nosa subordinación ás federacións españolas. Cómpre unha nova normativa para que Galiza dispoña de competencias plenas para poder organizar e competir, sen restricións, nas diferentes disciplinas deportivas.
Somos referentes mundiais en non poucos deportes. Contamos con deportistas e medallistas olímpicos/as, campións e campioas europeas e mundiais, e destacamos e somos competitivos, deportivamente falando, en numerosas disciplinas. O máis natural e normal é que compitamos como galegos e galegas en todos os niveis e modalidades, como xa o estamos facendo no fútbol gaélico e, así, acontece con diferentes países como Gales, Escocia, Illas Feroe, Xibraltar, Nova Caledonia… que, sen ter tampouco Estado propio, compiten internacionalmente coas súas seleccións. Queremos amosarnos como nación, competir e vibrar coas nosas cores, entoar o noso himno, izar a nosa bandeira, cantar os nosos cánticos e animar os e as nosos deportistas e as nosas seleccións.
Por iso:
- Reclamamos para Galiza o dereito a estar representada, como tal, en todas as disciplinas deportivas.
- Reclamamos podermos conformar seleccións galegas en todos os deportes e termos o dereito a competir a nivel oficial e internacional.
- Reclamamos que os nosos deportistas e deportistas podan competir baixo a bandeira galega e poder exhibila cando soben ao podio.
- Reclamamos galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero.
Estas son as razóns que moven Vía Galega a promover este manifesto entre deportistas, adestradores, federacións, entidades deportivas, peñas e cidadanía en xeral .
Galiza, Setembro de 2021
Primeiros/as asinantes do manifesto: Galiza, un pobo, unha selección
- Fernando Vázquez. Foi adestrador da selección galega. Do Compostela, Deportivo e Celta, entre outros.
- Alexandre Sanmartín Costa. Adestrador da selección galega masculina de fútbol gaélico.
- Pablo da Silva Rocha. Adestrador da selección galega feminina de fútbol gaélico.
- Pili Neira. Foi adestradora da selección galega feminina de fútbol.
- Xulia Vaquero. Plusmarquista dos 5000 m. Noveno posto olímpico en 10.000m en Atlanta 96. Foi subcampioa europea de cross.
- Serafín Carballo Carballeira. Foi Subcampión do Estado Español de 1500m.
- Antón Ruanova. Triatleta. Foi subcampión do Estado Español de triatlón.
- Alba Cuba Dorado. Ex Subcampioa Estatal junior de decatlón en 2007.
- Hugo Sánchez Flores. Foi xogador do Fútbol Sala (Prone. Santiago-Futsal e Burela) Mellor Deportista lucense do 2011.
- Cristina Fernández Piñeiro. Árbitra internacional de Balonmán. Primeira muller árbitra de balonmán en Europa.
- Fiz Rodríguez. Segundo adestrador da SD Compostela.
- Pedro Gómez Val. Presidente do Club Xabaríns-volei de Lugo.
- Román Sánchez Besteiro. Coordenador da Federación de Peñas do C.D. Lugo.
- Oscar Martínez Souto. Árbitro de Fútbol.
- Adolfo Sainz Maza. Campión galego de decatlón.
- Adrián Carreira Penalonga. Atleta de decatlón.
- Ismael Romero Saborido. Remeiro do Clube de remo Cabo da Cruz da liga ACT.
- Daniel Vázquez Labrada. Remeiro do Clube de remo de Ares da liga ACT.
- Bernardo Máiz Bar. Remeiro do Clube de remo de Ares da liga ACT.
- Xurxo Souto. Impulsor das seleccións e de Siareirxs Galegos.
- Cristina López Villar. Profesora da Facultade de Ciencias do Deporte e de Educación Física da UDC.
- Manuel Polo. Licenciado en Educación Física e adestrador de atletismo.
- Severino Gómez Neira. Director técnico do Club A Cambadela.
- Xan Rodiño. Presidente da asociación Cultural e Deportiva de billarda Rías Baixas. Impulsor da Liga Nacional de Billarda.
- Anxo Amado. Directivo do Santiago- Futsal.
Asina o manifesto: https://i.gal/manifestoVG