VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Inauguración da exposición “Galiza, un Pobo, unha selección” en Vilagarcía

Cartaz Vilagarcía

Vilagarcía, 7 de xullo de 2022.- A exposición “Galiza, un Pobo, unha selección” poderá visitarse do venres 8 ao 22 de xullo no Auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa e contará cun acto de inauguración o martes 12 ás 20:00 horas, ao que asistirán deportistas de distintas disciplinas.

Esta exposición forma parte da campaña que Vía Galega está despregando por toda Galiza con diferentes accións en prol das seleccións galegas como a de promover un  manifesto, unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular, a edición dunha revista, a publicación dun xornal, a gravación dun documental e a composición dun himno deportivo.

Consta de 20 paneis que fan un percorrido pola historia do deporte galego, cos  seguintes bloques temáticos: dereito a  competir; deporte base minoritario; xogos olímpicos; muller, deporte feminino e igualdade; triatlón e ironman: os homes e mulleres de ferro; a auga, fogar do deporte galego; fútbol: Galiza, potencia ; equipos de primeiro nivel en todas as disciplinas e deportes tradicionais.

Vía Galega, con esta exposición e as outras propostas, pretende levantar un movemento o máis amplo posíbel para reclamar o dereito de Galiza a estar representada, como tal, en todas as disciplinas deportivas, podermos conformar seleccións galegas en todos os deportes e termos o dereito a participar a nivel oficial e internacional. Mais, tamén,  que os e as nosas deportistas poidan competir baixo a bandeira galega e exhibila cando soben ao podio. Sen esquecérmonos da necesidade de galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero.