VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Inaugúrase este martes na Coruña a exposición “Galiza, un pobo, unha selección”

Galiza, un pobo, unha selección

Promovida pola Plataforma Via Galega, reivindica que Galiza poida competir oficialmente e a nivel oficial en todas as disciplinas deportivas

A Coruña, 15 de novembro de 2021.- A Plataforma Via Galega -entidade que xunta máis de sesenta colectivos culturais, sociais e deportivos galegos- inaugura este martes 16 de novembro ás 19 horas, no segundo andar da Normal (antiga escola de Maxisterio, Paseo de Ronda, 47 da Coruña) a exposición “Galiza, un pobo, unha selección”. Son 20 paneis sobre o pasado, o presente e o futuro do deporte galego e as súas reivindicacións a prol das seleccións nacionais galegas e da necesidade de que o pobo galego teña representación de seu na esfera internacional.

A Coruña será unha das primeiras localidades, xunto a Vigo e Ames, en ser exhibida esta exposición que pasará por trinta e cinco cidades e vilas galegas durante este ano 2021 e o próximo 2022. A exposición foi comisiariada polo xornalista de Nós Diario Héctor Pena, que xunto á vicerreitora de cultura e deporte, Cristina López Villar, o deputado provincia responsábel da área de cultura, Xurxo Couto, e a portavoz nacional de Vía Galega, María Xosé Bravo, serán as persoas que tomarán a palabra mañá na súa inauguración.

A exposición estará na Normal até o día 30 de novembro e pode ser visitada de luns a venres, en horario de 9 a 21 horas.

A exposición, xunto a outras accións, encádrase nunha campaña que so o mesmo título, ten como obxectivo exixir o dereito a que Galiza poida competir profesionalmente e a nivel oficial en todos os deportes, tanto nas seleccións femininas como masculinas. Para alén disto, a campaña tamén pretende contribuír a fortalecer a autoestima e a conciencia nacional mediante o deporte; potenciar os deportes galegos, a súa historia e a importancia para a nosa cultura; e incidir na galeguización do deporte e impulsar a igualdade de xénero.