VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Inaugúrase no Museo do Pobo Galego a exposición “Rosalía: proclamar ao mundo que Galiza existe”

O Museo do Pobo Galego acolleu esta tarde a inauguración da exposición “Rosalía: proclamar que Galiza existe”. A mostra, organizada por Vía Galega e Galiza Cultura, ten como obxectivo “popularizar, valorar e coñecer a verdadeira Rosalía, desterrando os estereotipos aos que foi sometida”, e poderá visitarse até o 13 de outubro.

No acto de inauguración o coordinador de Vía Galega, Anxo Louzao, explicou que a exposición está pensada e orientada para todos os públicos, para ser mostrada nos centros sociais e culturais e, nomeadamente, nos centros de ensino de secundaria de toda Galiza.

Reclamou, para isto, a colaboración e apoio das diferentes administracións, co obxectivo de “restituír á escritora que usou, escribiu e defendeu o galego como lingua de Galiza”. Unha escritora que definiu como “nacional e universal” que se “arrepuxo contra o drama da emigración”; que “defendeu a Galiza ante a dominación e asimilación política e o centralismo cada vez máis acusado” e que se revelou “contra todo tipo de inxustiza e opresión que sufría Galiza”.

O coordinador de Vía Galega agradeceu ao Museo do Pobo Galego e á súa presidenta, Concha Losada, a cesión deste espazo para poder mostrar está exposición; ao Concello de Compostela a súa colaboración; a Bruno Lopes, a atinada e coidada maquetaxe e a Pepe Carreiro os seus debuxos, “que tan ben ilustran, iluminan e caracterizan a distintos personaxes”.

Pero, sobre todo, amosou a gratitude de Vía Galega e Galiza Cultura a Francisco Rodríguez, “verdadeiro guía e comisario da exposición” polos seus “excelentes textos” e por ter sido capaz de sintetizar en 20 paneis a figura de Rosalía, a súa biografía, o contexto histórico e social no que se moveu.

Proclamar ao mundo que Galiza existe

Foi o propio Francisco Rodríguez quen explicou o contido da exposición que resume a traxectoria vital e literaria de Rosalía de Castro. Unha mostra coa que se pretende comunicar “o seu espírito de muller valente e galega, consciente de selo, e a intención e orientación que guiou a súa obra”.
Rodríguez cualificou a creación literaria da escritora como “rompedora”, porque significaba defender, na práctica, “o dereito ao uso formal, escrito, do galego como unha lingua culta”. Mais tamén pola novidosa visión do mundo que ofrece, asumindo o obxectivo de “dotar dunha literatura propia, na súa lingua, ao pobo galego”.

Lembrou que intentou vivir, “como muller digna e independente” da literatura, dentro do mercado editorial existente en español. E salientou que “malia os moitos sufrimentos, aldraxes e incomprensións padecidos, nunca renegou do seu empeño”.

Rodríguez concluíu afirmando que a súa conduta e obra tivo seguidores e “marcou o camiño para a consecución dunha Galiza digna e consciente de si”.

A exposición permanecerá aberta ao público no Museo do Pobo Galego até o 13 de outubro en horario de 16h até 20h.