Entre o 16 e o 18 de setembro de 1933, na cidade suíza de Berna, desenvolveuse o IX Congreso de Nacionalidades Europeas. Encontro ao que se daban cita representantes de multitude de organizacións políticas e institucións que representaban a diversas nacións europeas.
O Congreso de Nacionalidades Europeas era un organismo que operaba como institución adxunta á Sociedade de Nacións. Naquela cimeira Galiza estaría representada polo activista e intelectual Plácido Castro, destacado militante do Partido Galeguista (PG).
No devandito encontro, por vez primeira no tempo contemporáneo, Galiza conseguiría ser recoñecida como nación a nivel internacional. Evidenciándose todas e cada unha das características coas que unha nación tiña que contar para ser recoñecida como tal (con independencia de contar cun Estado ou non).
Un recoñecemento que lle reportou ao noso país unha proxección internacional en pé de igualdade en relación a outras nacións do continente europeo. Un logro que foi agochado ao longo das catro décadas de ditadura franquista, ao igual que no tempo posterior a aquela, e que cómpre socializar e reivindicar.