VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Máis de 170 localidades izaron hoxe a bandeira e 56 Concellos realizaron distintos actos, na acción promovida por Vía Galega, nos que a bandeira galega foi protagonista

Durante esta semana,  a bandeira galega tivo presencia na rúa e pendurouse en  vivendas e fiestras de toda Galiza. Está acción enmárcase nas campaña que VIA GALEGA  vén desenvolvendo  para divulgar e  e popularizar  os nosos símbolosnacionais, o himno e a bandeira.

Levamos tres anos facendo coincidir esta campaña, na que a bandeira galega é protagonista durante unha semana,  co aniversario da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala que se celebrou en Lugo o 17 e 18 de novembro de  1918. Este ano cúmprense 106 anos daquela efeméride, na que asinaban un manifesto, entre outros, Castelao,  Ramón Cabanillas, López Abente, Xaime Quintanilla, Losada Diéguez, Peña Novo, Vicente Risco, Antón Vilar Ponte, Victoriano Taibo, Anxel Casal,  Ramón Villar Ponte e Xoán Vicente Viqueira que se  proclamaban nacionalistas, afirmando: Tendo Galicia todas as características esenciais de nacionalidade, nós, nomeámonos, de hoxe para sempre nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.

Dando resposta a este chamamento de expresión da nosa condición nacional mediante a nosa bandeira, hoxe, 23 de novembro, máis de 170 localidades izaron a bandeira e 56 concellos  realizaron distintos actos, nos que a bandeira galega foi protagonista. Nestes actos recitáronse   poemas de Marica Campo (creados expresamente para está campaña), Manuel María, Ramón Cabanillas, Pousa Antelo, López Abente, Delgado Gurriarán alusivos todos eles a nosa bandeira.

Contouse ademais con diferentes actuación  musicais e deuse lectura ao un manifesto referido á xestación e significado dos nosos símbolos, á relevancia  e actualidade do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercermos  e existirmos como pobo.

Para  moitos destes actos contouse tamén co apoio dos concellos para a localización, a autorización e o apoio loxístico para colocar a bandeira e que siga ondeando no futuro. Temos, tamén, o compromiso doutros concellos que, por diferentes motivos, hoxe, non lle foi posíbel, mais que teñen a intención  de colocala no futuro. 

 Entre os concellos que se izaron bandeiras e se realizaron actos están:  A Coruña, Guarda, Allariz, Ames, A Mezquita, A Pobra de Brollón, A Pobra de Caramiñal, A Rúa, Arzúa, Barreiros, Bueu, Cangas, Cedeira, Compostela, Fene, Ferrol, Gondomar, Lugo, Maceda, Mazaricos, Moaña, Moeche, Muras, Muros, Narón, Ourense. Outes, Pontevedra, Pontecesures, Porto do Son, Redondela, Ribadavia, Samos, San Sadurniño, Santiso, Taboada, Teixeira, Teo, Tomiño, Tui, Val Miñor, Verea,  Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vigo,  etc.

VÍA GALEGA  móstrase  moi satisfeita polo resultado da campaña de exposición e exhibición da nosa bandeira levada a cabo do 17 ao 23 de novembro. Unha resposta activa  que supuxo que se contaran por miles as bandeiras que engalanaron o País e luciran nas fiestra e varandas.

VIA GALEGA continuará no empeño de que todos os concellos coloquen bandeiras galegas en lugares visíbeis e que permanezan no futuro. Pois, se para todos os países os seus símbolos son importantes, para unha nación como a galega, sen estado de seu e sometida durante séculos a un proceso de total asimilación, aínda cobran maior relevancia.  Son o noso carné de identidade que amosan a nosa pertenza a unha nación. Os símbolos patrios únennos  como galegas e galegos; fortalecen a nosa tan necesaria estima colectiva e afirman a nosa vontade de sermos donos do noso destino como pobo.