VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Manifesto: A bandeira que nos une

Nos últimos anos estase procedendo de xeito sistemático á criminalización do uso de simboloxía galega nos recintos deportivos. Son reiterados os casos nos que se procede, por parte da Policía ou dos servizos de seguridade, a requisar bufandas, bandeiras e outro material coa bandeira galega ou a estreleira esteblecendo unha censura de feito ao uso da nosa simboloxía nacional. O pretexto é cumprir o establecido na Lei 19/2007 contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte que no seu Artigo 6.b (“Condicións de acceso ao recinto”) prohibe “introducir, exhibir ou elaborar faixas, bandeiras e outras enseñas que inciten á violencia ou en cuxa virtude unha persoa ou grupo delas sexa ameazada, insultada ou vexada por razón da súa orixe racial ou étnica, a súa relixión ou conviccións, a súa discapacidade, idade, sexo ou a orientación sexual”.

É evidente que os nosos símbolos nacionais nin incitan a violencia, nin constitúen ningunha expresión de racismo, xenofobia ou intolerancia.  O que si é unha mostra de racismo, intolerancia e xenofobia, por parte do Goberno español, é conculcar dereitos básicos como a liberdade de expresión para impedir e reprimir a manifestación de sentimentos pacíficos e lexítimos, criminalizando o uso de distintivos de afirmación da identidade galega ou de calquera sentimento de pertenza nacional distinto do español. O espectáculo indignante e bochornoso da final de Copa, coa requisa masiva de senyeras ou de prendas amarelas é un novo exemplo desta política represiva e antidemocrática.

Vía Galega, Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza, expresa a súa máis firme condena destes feitos e fai un chamamento aos siareiros e siareiras galegas para que acodan masivamente o vindeiro sábado a Balaidos lucindo os nosos símbolos nacionais.

 

Sexamos celtistas ou deportivistas, sentímonos ante todo galegos e galegas. Fagamos do noso Derbi unha festa de irmandade e de defensa e afirmación da nosa bandeira nacional. Porque é a bandeira que nos une.

Galiza, 3 de maio de 2018.

 

*Queres descargar o deseño para imprimilo? Podes facelo aquí!

#‎ONosoDerbi

[pdfjs-viewer url=”http%3A%2F%2Fviagalega.gal%2Fwp-content%2Fuploads%2F2018%2F05%2FDESE%C3%91O-VIA-GALEGA-BANDEIRA-GZ.pdf” viewer_width=100% viewer_height=1360px fullscreen=true download=true print=true]