VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Manifesto de Marica Campo para o 180 aniversario dos Mártires de Carral

O vindeiro 26 de abril Vía Galega homenaxeará un ano máis aos Mártires de Carral no seu 180 aniversario cun acto público que terá lugar na praza da Capela, en fronte ao monumento aos Mártires de Carral ás 12 horas.

Este acto de lembranza e reivindicación contará coa músca de Roberto Sobrado grupo e a lectura do manifesto por parte da escritora Marica Campo e finalizará coa ofrenda floral aos pés do monumento ao Mártires de Carral.

A continuación, o manifesto deste ano ao elaborado para a ocasión por Marica Campo:

Sen outras armas que as da razón, pronunciámonos, tal fixeran hai 180 anos os mártires cuxo sacrificio conmemoramos hoxe.

O sangue vertido nas terras de Carral naquel “abril de lume e ferro”, como o bautizou xa para sempre Manuel María, regresa en nós e dálles vida, e dános vida, porque con el regamos esa grande árbore que é a Galiza en que acreditamos e que soñamos soberana e vizosa, a albergar os paxaros do canto máis fermoso, o da paz que nace da xustiza.

É de xustiza que poidamos nomear o mundo coas palabras de noso, aquelas que fixo este pobo á súa medida, acrecentadas coas que o progreso e a ciencia van esixindo, as palabras que nos fan ser, que crean e recrean o noso mundo a cadora.

É de xustiza que decidamos nós e non o capital, ese que non ten máis argumentos que o proveito duns poucos, case sempre foráneos. É de xustiza, repetimos, que decidamos nós a nosa economía que, en todo caso, ha de ter como principio fundamental o aproveitamento dos propios recursos naturais, a súa explotación e transformación consonte o equilibrio ecolóxico da terra e do mar que nos acollen.

Sen outras armas que as da razón e a palabra que a expresa, queremos seguir o exemplo de Antolín Faraldo, “o primeiro e o mellor” segundo Manuel Murguía. E, facendo nosas as palabras deste xornalista betanceiro, o grande mentor da revolución que conmemoramos, aprender na historia a liberdade, tal como el escribiu en El recreo compostelano.

A nosa historia, se a coñecemos, ensínanos que aquí sempre houbo galegos e galegas conscientes da propia identidade, en disposición de loitar por ela e de convidar a todo o pobo a tomar posesión dese seu patrimonio de valor incalculábel.

Sen irmos moi atrás no tempo e após a Revolución de 1846, a nosa historia, esa mestra de liberdade xa que logo, relata fitos tan significativos como a creación das Irmandades da Fala na Coruña de 1916, a Primeira Asemblea Nacionalista Galega en Lugo no 1918; a creación do Seminario de Estudos Galegos en Ortoño en 1923 ou a agrupación de todas as organizacións nacionalistas para formar o Partido Galeguista en Pontevedra, en 1931.

Todo foron xermolos na árbore vedraña da Galiza, a mesma que resistiu a poda implacábel da Guerra e a ditadura franquista, poda que até o día de hoxe algúns continúan con outros métodos.

Por iso, nesta data memorábel, aquí, invocamos o alento dos doce mártires: o coronel Solís, executado no adro da igrexa de Paleo, o comandante Velasco, executado tamén xunto con outros dez oficiais, na Fraga do Rei, entre Paleo e Carral, así como os caídos na batalla de Cacheiras seis días antes. A súa causa, a da liberdade e a soberanía de Galiza, é a nosa. Por iso, tantos anos despois -180!- sen máis armas que as da razón, sen máis forza que a do pobo unido, reclamamos o noso dereito a ser nós, nada máis e nada menos.

Viva Galiza! Viva a memoria dos e das que loitaron e deron a vida por ela! Viva quen recorda e continúa nese labor! Forza, irmás e irmáns galegos na fraternidade universal, esa que ama, no respecto á diferenza, o dereito a existir e a libre determinación de todos os pobos do mundo!

Marica Campo