VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Manifesto de Vía Galega sobre a Revolución Galega de 1846 e os Mártires da Liberdade

VÍA GALEGA. HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE CARRAL,

NO 175 ANIVERSARIO DA REVOLUCIÓN DE 1846

Saúde e océano ! Saúde e terra !

Medre a Nación Galega !

Aínda que algúns queiran que toda a historia se transforme en ignorancia:

Antes da pandemia, antes das sucesivas crises, antes dos lumes forestais, antes do espolio eólico,

xa existía a Nación Galega.

E por iso non imos ficar apoucadas, estantías, caladas diante de crise ningunha, diante do espolio dos nosos recursos, diante da desmoralización xeral neste estado de pandemia.

Porque a esperanza somos nós: a Nación Galega.

Longuísima é a súa historia. Máis importante aínda o seu futuro.

Medre a Nación Galega !

Si, seino.Vivimos días tristes de triste vulgaridade provinciana.

Ese discurso dominante que insiste -atávica condena- na nosa condición periférica. Non só xeográfica. Periferia intelectual e, por suposto, política. Dinnos que debemos aceptar esa posición marxinal. Debemos ser submisas e submisos. Non aspiremos a nada máis.

Ese discurso dominante que xustifica que fiquemos esquecidas de todos os proxectos. Sistematicamente afastadas dos grandes fluxos económicos. En fin, ese discurso que consinte, por marxinal, o devalar da nosa lingua e da nosa cultura. E que promove, dun xeito obsceno – si, aquí, a día de hoxe- o espolio sistemático dende o exterior dos recursos deste país.

Mais a Nación Galega existe. Adulta e soberana. Temos futuro porque temos memoria. Sabemos que esa retrónicaescura vén de moi atrás:

Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vaise levantar da súa humillación e abatemento.

Tal proclamou, en 1846, Antolín Faraldo, secretario da Xunta Superior do Reino de Galiza. Foi a Revolución, “Abril de Lume e Ferro”. Esa revolución da que nunca nos falaron na escolas. Esa que hoxe volvemos lembrar, neste monumento que honra os seus mártires.

Miguel Solís e os seus doce compañeiros fusilados, tras xuízo sumarísimo, aquí en Carral, o 26 de abril dese ano.

Galiza somos nós, dixo o poeta. A Nación Galega existe porque moitas persoas nos realizamos cada día nesta fraternidade.

Galiza somos nós a xente e mais a fala, dixo Manuel María. O creador de “Abril de Lume e Ferro”. A obra de teatro que representan, ano tras ano, as veciñas e os veciños de Carral para que permaneza sempre aceso o lume da memoria.

Galiza vaise levantar da súa humillación e abatemento.

O 2 de abril de 1846, co coronel Miguel Solís, principia en Lugo a revolución. A revolta contra a ditadura do xeneral Narváez. Esténdese axiña polo país adiante. O día 15 créase en Santiago a Xunta Revolucionaria do Goberno de Galiza. A ilusión é moita. Máis grandes son as forzas represoras. Na batalla de Cacheiras, 23 de abril, un exército infinitamente superior derrota os revolucionarios. Deciden trasladar a Solís á Coruña para ser xulgado. Mais temen que, conforme chegue, a cidade toda estoupe en revolta. Por iso é fusilado con doce compañeiros, ás presas, aquí na metade do camiño.Os compañeiros na Fraga do Rei.Miguel Solís no propio adro da igrexa de Paleo.

Temos futuro, porque temos memoria.

Perderon. Nunca os esquecemos.

Galiza é, dende agora, chama acesa,

un agromar de papoulas a florir.

Unha fouce xigante, unha promesa,

unha vontade absoluta de porvir.

(“Abril de lume e ferro”, Manuel María)

Este foi o xermolo, primeiro impulso do nacionalismo galego.

Si do nacionalismo galego. Proxecto fermoso, que desexa, tal como dixo Luís Seoane, facer máis feliz o mundo coa riqueza da nosa diversidade.

Talento colectivo que se revira contra as submisións periféricas e provincianas, que aspira a que Galiza se realice plenamente como nación soberana.

Escóitase adoito esta frase pedante e prepotente: “O nacionalismo cúrase viaxando”. Todo o contrario, un faise máis galego.

E é verdade, no que se refire ao imperialismo dos grades estados:

Francia que pensa que non hai máis mundo que París. O españolismo, incapaz de ver nada alén de Madrid.

Mais non é o caso das galegas e dos galegos. A Nación Galega rexorde na historia precisamente porque viaxamos. Cando as nosas bisavoas, os nosos bisavós cruzaron o mar e descubriron na América -Curros Enríquez, en Cuba- que non hai linguas, non hai culturas mellores nin peores. Que cando nos comprometemos co desenvolvemento da nosa nación facemos máis rica, máis digna e máis fermosa a Humanidade toda.

Medre a Nación Galega !

En 1904, a Liga Galega da Coruña ergueu este monumento en honra aos Mártires de Carral. Dende entón non se apagou o lume da lembranza. Por iso estamos aquí hoxe nun novo abril, para seguir honrando a súa memoria, para coñecermos a nosa historia, único camiño para construírmos o futuro.

Non somos periferia de nada. Somos o centro do mar.

Haberá primavera !

Medre a Nación Galega !

Xurxo Souto, 24/04/2021