A mostra está promovida pola Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 colectivos sociais, culturais e deportivos
Ferrol, 16 de marzo de 2022.- A Plataforma Vía Galega abre en Ferrol a exposición “Galiza: un pobo, unha selección” cun acto que se celebrará este xoves ás 19:00 horas no Centro Cultural Carvalho Calero. Na inauguración intervirán Bruno Lopes Teixeiro, da coordenadora de Vía Galega, e Teresa Carballido Salgado, da executiva comarcal da CIG, e distribuirase unha publicación entre as persoas asistentes ao evento.
Esta mostra enmárcase na campaña a favor das seleccións deportivas galegas coa que se pretende reclamar que Galiza como pobo teña o dereito a ter seleccións propias para competir profesionalmente e a nivel oficial en todos os deportes, tanto nas seleccións femininas como masculinas, e que os/as deportistas teñan garantido ese dereito. Tamén quere fortalecer a conciencia nacional mediante o deporte, potenciar os deportes populares, incidir na galeguización do deporte e impulsar a igualdade de xénero.
Ademais desta exposición que se exhibirá en 35 cidades e vilas galegas, a campaña complétase coa publicación dunha revista e dun xornal, cunha canción e cun vídeo que conta coa participación de diversos deportistas galegos de recoñecemento internacional. En Ferrol, poderase visitar até o 1 de abril, de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, no Centro Cultural Carvalho Calero.