VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

O Multiusos da Xunqueira, en Redondela, acolle a exposición sobre a historia do deporte “Galiza: un pobo, unha selección”

Exposición en Redondela

A mostra está promovida pola Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 colectivos sociais, culturais e deportivos

Redondela, 1 de xullo de 2022.- A Plataforma Vía Galega abre en Redondela a exposición “Galiza: un pobo, unha selección” no Multiusos da Xunqueira en Redondela.

Esta mostra enmárcase na campaña a favor das seleccións deportivas galegas coa que se pretende reclamar que Galiza como pobo teña o dereito a ter seleccións propias para competir profesionalmente e a nivel oficial en todos os deportes, tanto nas seleccións femininas como masculinas, e que os/as deportistas teñan garantido ese dereito. Tamén quere fortalecer a conciencia nacional mediante o deporte, potenciar os deportes populares, incidir na galeguización do deporte e impulsar a igualdade de xénero.

Os días que estará presente esta exposición serán do 1 ao 7 de xullo en horario de mañá (9h a 14h) e de tarde (16h a 22h). Ademais, os/as asistentes á exposición poderán dispor da revista e xornal que conforman esta campaña a prol das seleccións deportivas galegas.