A mostra está promovida pola Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 colectivos sociais, culturais e deportivos
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021.- A Plataforma Vía Galega trae a Compostela a exposición “Galiza: un pobo, unha selección” que se poderá visitar até o 9 de xaneiro, de martes a domingo, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 na ala sur do Museo do Pobo Galego.
No acto de inauguración, celebrado esta tarde, participaron Anxo Louzao, portavoz da Plataforma Vía Galega; Xurxo Couto, responsábel de Cultura da Deputación da Coruña; Manuel Vilar; director do Museo do Pobo Galego; o xornalista Héctor Pena, que realizou a coordinación dos textos da exposición; e Iria Méndez, da Coordinadora de Vía Galega.
O portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao, destacou na súa intervención que con esta campaña a favor das seleccións deportivas galegas “preténdese reclamar que Galiza como pobo teña o dereito a ter seleccións propias para competir profesionalmente e a nivel oficial en todos os deportes, tanto nas seleccións femininas como masculinas, e que os/as deportistas teñan garantido ese dereito”. Ademais, quere fortalecer a conciencia nacional mediante o deporte, potenciar os deportes populares, incidir na galeguización do deporte e impulsar a igualdade de xénero.
Ademais desta exposición que se exhibirá en 35 cidades e vilas galegas, “a campaña complétase coa publicación dunha revista e dun xornal, cunha canción que sairá nos próximos días e cun vídeo que conta coa participación de diversos deportistas galegos de recoñecemento internacional”.
“Galiza é unha potencia tamén na esfera deportiva, mais está invisibilizada ao non facultar o Goberno da Xunta a posibilidade de dispor de seleccións nacionais galegas, e para facelo realidade é necesario ter o dereito a exercer todas as competencias, con soberanía e con capacidade de decidir tamén no ámbito deportivo”, concluíu Anxo Louzao na presentación.
