VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

O Pleno do Concello de Santiago aproba apoiar a ILP para a restauración do texto do himno galego

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023.- O Pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou unha moción conxunta para mostrar o seu apoio á proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión, que impulsan as plataformas Vía Galega e Galiza Cultura. Este acordo plenario contou cos votos a favor de PSOE, CA, BNG, do concelleiro non adscrito e mais a abstención do PP.

Ao inicio do Pleno, interveu Anxo Louzao en representación de Vía Galega e Galiza Cultura para expor o contido desta ILP.

O texto da moción recolle que o Parlamento galego, en 1984, consciente da importancia e do alto valor institucional e social dos símbolos como o escudo, a bandeira e o himno oficializou o Himno no artigo 4 da Lei de Símbolos coa composición «Os Pinos», poema de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga. Porén, o texto aprobado “non recolle as estrofas do poema «Os Pinos» da fonte orixinal pondaliana, senón que se basea nunha deficiente versión editorial realizada en 1935, no centenario do nacemento do poeta”. “O feito de esa edición ter herdado os erros e deturpacións textuais acumulados desde había anos explica o texto oficial do himno, que cómpre recuperar e actualizar catro décadas após a promulgación da Lei de Símbolos”, engade o documento.

Desde Vía Galega e Galiza Cultura agradecen este acordo da Corporación municipal de Compostela e animan aos demais concellos e institucións a sumárense a esta iniciativa para a restauración da letra orixinal do himno galego, para favorecer a correcta difusión dos símbolos do noso país.