Esta mañá o PP vetou a ILP impulsada por Vía Galega e Galiza Cultura, para garantir o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castealo, a cal contara co apoio de 19.047 galegas e galegos para podela debater no Parlamento (9.047 máis que as necesarias).
Este martes, o Parlamento Galego debateu a toma en consideración da ILP “sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación permanente da multifacética obra de Castelao polo pobo galego” impulsada por Vía Galega e Galiza Cultura e promovida por unha comisión. Para a súa defensa no Parlamento a comisión promotora designou a profesora da UDC e escritora Pilar García Negro.
A ILP recollía no seu texto que puidera ser contemplada debidamente toda a súa obra artística e coñecido todo o seu pensamento político de forma permanente. Que a súa obra literaria fora de fácil acceso, tamén a ensaística de carácter político, tendo a debida presenza no sistema educativo. Que a historia de Galiza en xeral, e en particular, o período en que desenvolveu Castelao o seu labor, ocupase o lugar debido na formación escolar e académica. Que, sen máis dilacións, a Xunta de Galiza se preocupase de catalogar toda a obra de Castelao e establecer un plano de colaboración entre as distintas institucións e organismos, públicos e privados. Que as obras, informacións ou obxectos persoais do noso grande político e artista puideran ser coñecidas e contempladas en exposición pública e estábel, coas debidas garantías de protección e seguridade. Só así o pobo galego poderá coñecer e poderá xulgar por si mesmo o sentido e valor dunha figura e obra que por el foi motivada e que ten nel o seu principal destinatario.
O feito de que durante o debate da mesma ningún membro do Goberno galego estivera presente é sintomático do respecto e preocupación que lle merece a figura de Castelao. Só desde a manipulación e o silenciamento á figura de Castelao se entende que despois de que se declarara institucionalmente “Ano Castelao” o 2025, esta iniciativa non saíra adiante por unanimidade.
Desde a entidades promotoras da ILP seguiremos traballando para rematar coa ocultación e falseamento da figura de Castelao e garantir o dereito ao coñecemento da súa obra ao pobo galego.
