VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Oferenda floral de VIA GALEGA aos “Mártires pola Liberdade”

Na mañá de hoxe, VIA GALEGA, Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza , desenvolveu unha oferenda floral na localidade de Carral en homenaxe aos “Mártires pola Liberdade”. No acto déronse cita representantes de diversas entidades que fan parte da plataforma social.

Ramo de flores de VIA GALEGA aos Mártires de Carral

En nome da portavocía nacional intervíu Suso Seixo, dando conta da significación histórica en clave política dos sucesos que remataron co asasinato dos doce altos mandos do Exército Libertador de Galiza; denunciando, así mesmo, que a Xunta Electoral Provincial non permitira que o devandito acto se celebrara (cun programa máis amplo, no que se incluían actuacións musicais e unha representación de teatro) o sábado 27 de abril, tal e como estaba deseñado en orixe desde VIA GALEGA.

Algunhas e algúns dos representantes de diversas entidades que se concentraron en Carral.

Ao rematar a oferenda floral, ao pé do monumento que se inaugurara no 1904 pola Liga Galega, unha comitiva de VIA GALEGA achegouse ao cemiterio de Paleo; espazo no que descansan os restos dos altos mandos do movimento insurrecto galego de 1846, executados na vila de Carral.

Desde VIA GALEGA faise un chamamento á sociedade galega, e particularmente ás entidades culturais de base da Galiza, a favor de seguir lembrando a devandita efeméride; socializando o programa e ideario das e dos demócratas que, como Pío Rodríguez Terrazo e Antolín Faraldo, encabezaron no plano civil o devandito movimento heroico, procurando unha Galiza soberana e de progreso.

Inauguración do monumento aos “Mártires da Liberdade”, da man da Liga Galega. Momento no que Manuel Lugrís Freire toma a palabra.