VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Os coloquios da campaña “Galiza nación. Un pobo con dereitos” proseguen en Arzúa

A Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 asociacións culturais e sociais, convoca un coloquio aberto ao público ao abeiro da campaña “Galiza nación. Un pobo con dereitos”, que será o próximo 17 de decembro ás 20.00 horas no Multiusos Terra do Quixo (Aula 4) de Arzua. Contará coa proxección dun vídeo documental e coas intervencións de Lucía López Sobrado, Rubén Cela e Suso Seixo. Para asistir, cómpre inscribirse enviando un correo a coordenadora@viagalega.gal debido ás medidas de aforo de prevención da covid-19.

O obxectivo desta campaña, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, consiste en que se asuma con naturalidade e consciencia a realidade obxectiva de que Galiza é unha nación, con vontade de existir e de exercer como tal, como se recoñeceu oficialmente en 1933 no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións. Quérese tamén fomentar a estima colectiva para que cada vez sexa máis pobo o que acredite e tome conciencia de que a nación galega existe e ten futuro.

Ademais da distribución de folletos explicativos e de cartaces nas vilas e cidades, realizouse un vídeo que define as características que conforman a nación galega e un percorrido histórico e reivindicativo. Persoas referentes da sociedade galega participaron tamén nesta campaña mediante a gravación de cadanseu vídeo para explicar como perciben que Galiza é unha nación. Entre elas figuran Manolo Rivas, Isabel Risco, Suso de Toro, Olaia Maneiro, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Neves Rodríguez, Antón Ruanova e Pilar Pallarés.