A Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 asociacións culturais e sociais, convoca un coloquio aberto ao público ao abeiro da campaña “Galiza nación. Un pobo con dereitos”, que será este luns 14 de decembro ás 19.30 horas no Centro Sociocultural das Fontiñas (rúa de Berlín, 13) de Santiago de Compostela. Contará coa proxección dun vídeo documental e coas intervencións de Elvira Souto, Francisco Rodríguez e Suso Seixo. Para asistir, cómpre inscribirse enviando un correo a compostela@viagalega.gal debido ás medidas de aforo de prevención da covid-19.
O obxectivo desta campaña, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, consiste en que se asuma con naturalidade e consciencia a realidade obxectiva de que Galiza é unha nación, con vontade de existir e de exercer como tal, como se recoñeceu oficialmente en 1933 no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións. Quérese tamén fomentar a estima colectiva para que cada vez sexa máis pobo o que acredite e tome conciencia de que a nación galega existe e ten futuro.
Ademais da distribución de folletos explicativos e de cartaces nas vilas e cidades, realizouse un vídeo que define as características que conforman a nación galega e un percorrido histórico e reivindicativo. Persoas referentes da sociedade galega participaron tamén nesta campaña mediante a gravación de cadanseu vídeo para explicar como perciben que Galiza é unha nación. Entre elas figuran Manolo Rivas, Isabel Risco, Suso de Toro, Olaia Maneiro, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Neves Rodríguez, Antón Ruanova e Pilar Pallarés.