O CS Artábria e Vía Galega corganizan unha conferencia, con posterior debate, ”Mulleres na construcción da nación galega” que será impartida por Lucía Vecño Souto, Graduada en historia, especializada en Historia de Xénero Contemporánea e Marga Corral, técnica de igualdade da CIG e activista no feminismo galego.
O acto terá luar, o día 18 de marzo, ás 20 horas, no CS Artábria, na Travessa de Batalhons, nº 7.
O caderno que se presenta, baixo o título “Mulleres na construcción da nación galega” foi editado coa coa colaboración da Deputación da Coruña, nomeadamente coa Área de Cultura, ten nos seus obxetivos, espallar información e coñecemento sobre o noso país, tan oculta, nesgada ou simplemente roubada, moitas veces para proveito de outros.
Nesta ocasión, prestamos atención, coa colaboración inestimábel e desinteresada de sete estudos, que agradecemos, ao papel protagónico das mulleres na historia de finais do s.XIX e XX de Galiza.
A través deste traballo coral no que participan Aurora Marco, Pilar G. Negro, Marga Corral, Carme Vidal, Daniela Ferrández, Montse Fajardo e Lucía Veciño repasamos a impronta imborrábel e imprescindíbel das mulleres na guerrilla antifranquista galega, nas loitas obreiras e agrarias, na construción e posterior reconstrución do nacionalismo galego e na loita polas liberdades sexuais. Asemade, recuperamos os nomes dalgunhas delas que ficaron borradas polo medo, polo esquecemento ou pola desinformación.
Así, esta pequena publicación que xa está en distribución pretende contribuír á memoria e á historia dun pobo cheo de dignidade, combatividade e rebeldía que as mulleres construíron.