VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Primeiro ser, despois triunfar

Share on facebook
Share on google
Share on twitter
Share on linkedin
Share on email
Share on telegram
Share on whatsapp
María Xosé Bravo

María Xosé Bravo

Portavocía de Vía Galega

Primeiro ser despois triunfar, así arengaban os galeguistas para animar a participar no Día da Patria. Ser nación, ser nós galegas e galegos conscientes, habitantes dunha terra e un tempo, que saben da súa historia, da súa forza, da súa potencia, do seu pasado mais, sobre todo, que teñen confianza plena no seu futuro.

Somos unha organización popular, plural e democrática. Máis de 70 asociacións máis de 1.000 persoas individuais forman Vía Galega, mais precisamos moitas máis mans, mans diversas empurrando xuntas, cómpren máis voces para o desacato, máis forza para berrar forte… Cada acto realizado por nós foi un acto de resistencia. Creo que foi Carlos Marx quen deixou dito o importante non é comprender o mundo senón transformalo. Nesas estamos, xentes facendo traballo de mobilización, de pedagoxía, saíndo aos camiños buscar máis apoios, a explicar a nosa nova, xentes que gozan da erótica da acción. E nese camiño non queremos ser xestoras, senón mestras, alumnas, amigas, compañeiras de batallas… nun proceso irreversible e imparable.

É o noso un proceso en marcha que se insire nun proxecto colectivo máis amplo. Non nos diriximos ao 99% da poboación, é verdade, mais si a sectores moi amplos, toda aquela xente que sabe (que pensa, que sente, que comprende, que percibe, que intúe…) que Galiza é unha nación; que como tal temos dereitos colectivos, que cómpre, entón, facer ouvir a nosa voz…

Toca, agora, andar por camiños pouco transitados. Se ollamos cara a atrás na nosa curta vida, realizamos xa unha morea de iniciativas, que nos fan pensar que hai moito feito mais queda moito por facer. Cómpre agora albiscar novos outeiros, potenciar o debate soberanista na sociedade, incrementar a mobilización social, buscar máis, e novas, complicidades porque esta é, tamén, a hora de unir esforzos, desde nós e para nós para crear músculo, para ser máis fortes, para plantar cara á ruindade, para ser aínda máis audaces.

E non, non podemos permitir que este sexa outra vez o tempo de apandar. No conxunto do Estado español o recoñecemento da existencia de distintas nacións e dos dereitos colectivos é un debate pendente. Máis cedo que tarde vai haber modificacións na estrutura territorial do estado e a Galiza ten que estar aí… Non queremos, non podemos, quedar fóra dese debate: vainos a vida niso. Dentro dun mes celebraremos o recoñecemento oficial de Galiza como nación, foi no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, do organismo da Sociedade de Nacións, que se realizou do 16 ao 18 de setembro de 1933. Debémosllo aos que tanto traballaron por conseguir ese recoñecemento pero sobre todo debémonolo a nós mesmas, non permitamos agora que os que impuxeron a falsificación da nosa historia, os que impuxeron un relato histórico hexemónico decidan o noso futuro. Xa o intentaron moitas veces mais nós ben sabemos que son uns imperialistas fracasados… e que saiban que nós non imos quedar en silencio, non, imos alzar a voz, tanto como poidamos… imos suar a camiseta para explicar por todo o país que sen soberanía non hai progreso e tamén avante sen tregua, república galega porque o réxime do 78 decretou o esquecemento, seica era necesario pasar páxina, pois que saiban que Vía Galega álzase contra a desmemoria e a impunidade. Vía Galega é un movemento vivo traballando para dar a coñecer un proceso irreversible e imparable, se cadra o camiño é longo mais non imos claudicar.

E se comezabamos con Castelao botemos man del tamén para rematar “Irmáns: Fuxide sempre dos parvos. Non vos arrimedes a eles, porque poden roubarvos algo da vosa razón e transmitirvos a súa parvada. Deixádeos paseiar, falar, danzar e medrar no seu mundo. E se algún parvo chega a ser autoridade non mostredes asombro, porque son cousas do sistema que combatimos e dos tempo en que nos cadrou vivir”.

Share on facebook
Share on google
Share on twitter
Share on linkedin
Share on email
Share on telegram
Share on whatsapp