VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Principios da Vía Galega

Vía Galega naceu como plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, isto é, dos dereitos colectivos do pobo galego. Estes son os principios esenciais que dan forma á reclamación deses dereitos. 

I. Unha nación no mundo

A Galiza posúe todas as características dunha nación, tal como elas son definidas para outros casos no mundo. O pobo galego ten unha cultura, unha historia, unha economía e un territorio de seu, e ademais recoñece eses elementos como propios e diferenciados.

O Estado español e os seus poderes negan isto constantemente. No mellor dos casos, considérano unha mostra da “diversidade española”. 

Sen embargo, a nosa lingua, a nosa maneira de poboar o territorio ou as históricas reivindicacións pola soberanía que levamos facendo desde hai séculos non son variantes dun modelo español de referencia. Ben ao contrario, son trazos nacionais específicos; e, portanto, a Galiza é máis unha nación no mundo.

II. Dereito á autodeterminación

As nacións son suxeitos de dereitos e deberes no dereito internacional. En particular, o Dereito de Autodeterminación (isto é, o dereito dos pobos a decidiren libremente o seu estatus político) é considerado desde 1950 como un dos principios fundamentais dos Dereitos Humanos.

Desde 1966, o Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos proclamado polas Nacións Unidas di, no seu artigo 1:

Todos os pobos teñen dereito á autodeterminación. E en virtude deste dereito poden determinar libremente o seu status político así como tamén o seu desenvolvemento, económico, social e cultural.

III. Democracia é decidir

Acreditamos firmemente na democracia, isto é: na capacidade das persoas para escolleren de maneira libre e colectiva o seu futuro. 

Porén, unha democracia onde opcións internacionalmente válidas e recoñecidas son retiradas da mesa porque non interesan a quen ten o poder e os privilexios, non é unha verdadeira democracia.

A nosa reivindicación do dereito a decidir constitúe, polo tanto, unha defensa firme do exercicio dunha verdadeira democracia, quer dicir, unha defensa dun modelo no que o pobo galego poida escoller o seu estatus político, a súa organización social e económica, etc. 

IV. Alargando o marco político

A situación de crise económica, demográfica e social ten múltiples factores. Un deles son as limitacións do marco autonómico, que nos fai dependentes de intereses alleos. 

35 anos dunha autonomía subordinada non serviron para evitar a emigración forzada, a fraqueza da nosa economía, o devalo da nosa cultura — singularmente da lingua — ou o vaciamento do rural. 

Fronte a isto, é esencial dotármonos dun novo marco político onde a soberanía sobre os asuntos de Galiza resida exclusivamente no pobo galego.

A soberanía plena danos capacidades para lexislar e desenvolver a nosa cultura, os nosos sectores económicos estratéxicos, un modelo de vida baseado na xustiza social, novas e máis profundas relacións con outros pobos do mundo, etc.