VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Que non nos rouben o mes de abril

Share on facebook
Share on google
Share on twitter
Share on linkedin
Share on email
Share on telegram
Share on whatsapp
María Xosé Bravo

María Xosé Bravo

Hai agora dous anos, máis de 60 asociacións do mundo do deporte, da cultura, do movemento veciñal e sindical creamos Vía Galega . Como un crebacabezas multicolor, voces diferentes que fan todas xuntas esta Galiza que queremos. Esa Galiza entendida como unha obra colectiva. O que somos e o que queremos ser… As asociacións e as xentes que aquí nos xuntamos entendiamos que agora cumpría estar na trincheira actuando en defensa propia, en defensa dos dereitos colectivos deste pobo chamado Galiza, e que cumpría berrar alto e forte que “somos unha nación, temos dereitos”, e xa que logo era necesario “facer ouvir a nosa voz”.

Ía ser o 5 de abril, agora retrasarase un pouco, a terceira vez que nun ano eramos chamadas ás urnas. Desde Vía Galega somos moi conscientes do que nos estamos a xogar nestas eleccións galegas porque a situación de Galiza é dramática.

Vimos de levar a cabo a campaña “Non emigramos, expúlsannos” porque este marco autonómico que padecemos actúa como unha camisa de forza que nos empuxa á precariedade, á pobreza e á emigración.

Neste marco autonómico no que, como se fósemos menores de idade, se decide moi lonxe de aquí o que “nos convén”, precisamos poder decidir Nós sobre o noso para sacar partido ás nosas potencialidades en beneficio da maioría.

Semella tan fácil… trátase de poder decidir nós sobre o noso:

1.- Permitiría un novo sistema de financiamento para Galiza que faría posible reverter os recortes aplicados polos gobernos do Partido Popular en materia de recursos e medios destinados a promover a igualdade con políticas que fomenten a contratación e inserción laboral das mulleres a través de políticas activas específicas de emprego.

2.- Permitiría tomar medidas efectivas de protección da lingua galega. A lingua é o elemento social por antonomasia, é polo tanto a empresa de todos, de toda a sociedade porque a todos compete o seu presente e o seu futuro. Mais o galego na actualidade áchase nun punto crítico, nunha encrucillada e o seu porvir vai depender de como resolvamos o presente. Preservar o idioma convértese así no primeiro deber para coa nosa historia, para con nós mesmos, para con Galiza.

3.- Permitiría defender a nosa cultura. Para que fose posible gozar coa cultura que facemos: contemporánea, moderna, atractiva, que nos fai sentir que somos unha potencia, porque este país ten talento.

Mais quen nos goberna, desde hai demasiados anos, ten outros plans e no canto de facer desfixo, no canto de apoiar, desprotexeu, falemos de lingua ou de pesca; de saúde ou de cultura; de industria ou de igualdade; de emprego ou de patrimonio, do agro ou de enerxía eólica.

E así, nas eleccións galegas, o dilema que temos diante é ser ou non ser.

Dicía Otero Pedrayo “para ser ricos e fortes, non hai outro camiño que ser cada día máis galegos”, máis galegas engadiriamos nós. Esa é a idea que nos guía en Vía Galega.

Traballar xuntas, centos, miles, de homes e mulleres para facer posible outras políticas porque agora, con moita urxencia, toca reverter tendencias e toca decidir como nos queremos gobernar porque con este goberno que padecemos, os galegos e as galegas non podemos decidir sobre sectores chave da nosa economía, nin sobre cuestións esenciais para o noso benestar e progreso colectivo, sexa o destino do noso aforro ou do diñeiro dos nosos impostos, ou o aproveitamento en beneficio propio dos nosos recursos. Non podemos decidir sobre a forma de organizar a nosa estrutura territorial,… ou sobre a promoción efectiva da nosa lingua e da nosa cultura.

Cómpre falar alto e claro e berralo aos catro ventos: somos un pobo rico cheo de xente traballadora que quere vivir do seu traballo, do que sabe facer porque sabe facelo ben: falemos de construír barcos, pescar peixe ou producir leite, crear deseño, investigar ou producir tecnoloxía… Cremos no noso País, sabémonos unha potencia, por iso queremos planificar e decidir o que queremos libre e democraticamente ser. Porque somos unha nación e queremos exercer como tal. Con toda plenitude. Sen limites. Unha nación de Europa. Similar a moitas outras en extensión, poboación e nivel de benestar. Como tal nación de Europa, ou de calquera outra parte do mundo, temos dereito a planificar o noso propio futuro. Non o esquezades cando vaiades a votar.

Share on facebook
Share on google
Share on twitter
Share on linkedin
Share on email
Share on telegram
Share on whatsapp