VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Reflexións comúns da campaña «Galiza Nación. Un pobo con dereitos»

Galiza é unha nación. Recoñecida oficialmente como tal, en 1933, polo IX Congreso de Nacionalidades Europeas, desenvolvido parello á Sociedade de Nacións (antecedente da Organización de Nacións Unidas, ONU). Galiza reúne todos os trazos que conforman unha unidade nacional, como realidade obxectiva cunha sociedade historicamente ben definida, con lingua centenaria e territorio mantido no tempo milenariamente.

Así, o afirman diferentes teóricos do nacionalismo, desde Manuel Murguía no s.XIX, Vicente Risoco no primeiro terzo do s,XX ou o propio Castelao que, no Sempre en Galiza, demostra a condición nacional de Galiza, pór ter idioma propio, territorio diferente, unha vida económica peculiar coa súa estrutura social diferenciada, hábitos psicolóxicos colectivos e unha cultura de seu con todas as súas manifestacións. “A nación é un feito non unha idea. Un ser real non problemático”, di Castelao.

Como pobo temos dereito a libre determinación. Dereito colectivo, recoñecido pola ONU. É dicir, a gobernarnos por nós mesmos, a decidir o noso futuro como galegas e galegos.

Está realidade obxectiva, a condión nacional de Galiza, vaise modelando coa toma de consciencia e afirmación. Realidade que necesita vontade colectiva para se modelar politicamente (por exemplo en Estado, se o considerar oportuno). Conciencia de pertenza a un pobo. Ser suxeito de acción política para exercer e ser titular de todos os dereitos. Todas as nacións, independentemente da súa dimensión xeográfica, ou do número de habitantes teñen dereito a emanciparse. O normal e natural é que toda nación camiñe cara constituírse en estado propio para gozar e exercer os plenos dereitos sen imposicións e dependencias.

Galiza é unha nación sin Estado de seu, reflexo da súa dependencia e subordinación. O Estado español é unha construción política, contraria aos intereses das clases populares galegas, constituído por estruturas xurídicas, administrativas, coercitivas e políticas que non recoñece, nin sequera, a súa conformación plurinacional. O Estado español podía declararse plurinacional, mais é de facto negador da existencia normalizada de Galiza, Euskadi e Catalunya desde a súa creación no 1812, no marco das Cortes de Cádiz (logo da que deron en chamar ‘Guerra de Independencia’…). O que evidencia como foi creado en favor dunha soa nación, a española (modelada ao longo do tempo a partir da Coroa de Castela, con capital en Valladolid, Toledo e, finalmente, Madrid).

Existen moitos Estados con máis dunha nación no seu seo, como é o caso de Francia, Gran Bretaña, Bélxica, etcétera e, os menos, conformados por unha única nación, como é o caso de Portugal (Estado derivado do vello Reino da Galiza, por outra banda). O que non existen son nacións con máis dun Estado e non existen Estados que servan, por igual, aos intereses de varias nacións. A maioría dos actuais Estados do mundo son de nova creación e non se corresponden con vellos reinos. Son Estados constituídos por nacións que se disgregaron do Estado ao que estaban sometidos, mediante o exercicio do dereito de autodeterminación. A Organización de Nacións Unidas ( ONU) constituíuse en 1945 con 51 Estados. Hoxe, confórmana 193 Estados. 19 creáronse nos últimos 30 anos. 13 deles son europeos. Por tanto, o signo dos tempos é que as diferentes nacións sometidas se vaian constituíndo en Estados propios mediante procesos pacíficos de autodeterminación, a partir dunha maioría social favorecedora dos mesmos.

O pobo galego foise conformando ao longo da historia con etapas de maior ou menor liberdade, con maior ou menor proxección internacional.

Entre o s.V e finais do s. XV, é dicir ao longo de dez séculos, Galiza desenvolveuse libremente (entre o Reino suévico-galaico e a súa transformación posterior en Reino medieval). Porén, hai máis de cinco séculos que se iniciou a “doma e castración do Reino de Galiza”, no tempo de Isabel de Castela e Fernando de Aragón, e o soño imperial que propiciaron con epicentro en Castela. Fronte aquel proceso colonizador, artellouse na Galiza a organización necesaria para combater a asimilación, crear conciencia e manter viva a súa vontade de existir politicamente. Unha loita explicitada desde 1846 e capitaneada polos que se deron en chamar “mártires pola liberdade” (recollendo unha silenciosa, mais eficaz, resistencia popular que mantivo vivo o idioma galego, así como a nosa historia).

A negación dos dereitos colectivos dos pobos leva implícito a limitación dos dereitos individuais das súas persoas. O exercermos a plena soberanía, o termos a plena capacidade política non só é un dereito inalienábel, como nación que somos, senón que se torna imprescindíbel para paralizar o espolio e dispoñer dos nosos recursos naturais e produtivos, termos un sector financeiro público e propio, desenvolver a nosa base produtiva e os sectores estratéxicos da nosa economía. É dicir, procurar un desenvolvemento económico autocentrado, co que paliar a sangría migratoria e despoboación de grande parte do noso territorio que deriva da falta de planificación económica en favor do noso desenvolvemento ( …e que só favorece intereses alleos). Só con plenas competencias políticas, a nosa riqueza natural, o excedente que xeramos e as grandes potencialidades do país estarán ao servizo de todos os galegos e galegas. Construindo unha sociedade galega máis democrática, xusta, libre e igualitaria, con especial atención á cuestión de clase e de xénero, sendo tamén unha forma de contribuir a un mundo mellor, lonxe da tiranía á que somete ao ser humano o capitalismo e lonxe da depredación que este promove do medio natural.