VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Reunión de Galiza Cultura e Via Galega coa executiva da Real Academia Galega para presentarlle e solicitar o seu apoio á Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023.- Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña, máximo investigador do noso himno e membro da comisión promotora da Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión; xunto a Xosé Manuel Carril, presidente de Galiza Cultura, e Anxo Louzao, coordenador de Vía Galega, mantiveron, onte, 27 de febreiro, na Sede da Real Academia Galega, unha reunión coa executiva desta institución. Esta entrevista coa RAG encádrase na campaña de presentación da ILP a diferentes institucións e entidades para colleitar os máximos apoios. Até o dia de hoxe, xa tivemos oportunidade de reunirnos coa portavoz do grupo parlamentar do BNG e co grupo parlamentar do PSdeG (co portavoz do PP teremos hoxe a reunión) e coa Xunta de Portavoces da Deputación da Coruña. Para o martes, día 8, está concertada unha entrevista co Consello da Cultura Galega.

Na reunión coa RAG, trasladámoslle a necesidade de modificar a Lei de Símbolos de Galicia de 1984 para restaurar o noso himno conforme a investigación realizada polo doutor Manuel Ferreiro, onde se demostra documentalmente que a actual texto oficial do Himno Galego, ten diferentes alteracións en relación ao texto orixinal e a vontade do seu autor, Eduardo Pondal. Alén doutras cuestións de menor transcendencia, mostra a existencia de catro alteracións de importancia: 1) Problemas de presentación formal e de puntuación, de forma que no texto oficial mesmo desapareceu a indicación de que o texto é un diálogo (pregunta aos piñeiros, na primeira estrofa, e resposta destes nas tres estrofas restantes); 2) Presenza de formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano, nomeadamente castelanismos e hiperenxebrismos (ronco/rouco, iñorantes/ ignorantes); 3) Aparición de formas idiomáticas falsas, inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega (féridos/férridos); 4) Deturpación da expresión orixinal mediante un proceso de banalización textual (chan/clan ‘pobo’).

A comisión executiva da RAG agradeceu o encontro para lle  presentar esta a Proposición de Lei. Entenden que desde a promulgación da Lei de Símbolos de Galiza hai novos elementos a considerar, mais calquera declaración ou informe correspóndelle emitilo ao Pleno da RAG.