VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Reunión  de Vía Galega e da comisión promotora  da  PNL “Polo dereito da Galiza a poder competir oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas” cos grupos parlamentares do BNG, PSOE e PP

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022.- Unha  representación  de Vía Galega e da  comisión promotora  da  Proposición Non de Lei ( PNL ) de Iniciativa Popular “Polo dereito da Galiza a poder competir oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas”, constituída por Anxo Louzao, Alba Cuba, Héctor Pena, Uxía Pérez e  Nuno Galán, reuníronse cos Grupos  Parlamentares do BNG, PSOE  e PP.  O  obxecto destas reunións foi solicitarlle o seu voto favorábel  para cando a Proposición  Non de Lei  se debata no Parlamento.  Para Vía Galega  a  reivindicación de poder  conformar as nosas propias seleccións e poder competir oficialmente  non só  é un dereito, senón que tamén é un anhelo  moi sentido polo Pobo Galego, tal como  da conta a boa acollida da campaña  que, con diferentes iniciativas, Vía Galega  esta levando a cabo por toda a xeografía galega.

 O  Grupo Parlamentar do BNG (asistiron a súa portavoz, Ana Pontón;  o coordenador do grupo parlamentar, Manuel Lourenzo; a deputada Montse Prado e o deputado  Daniel Castro) amosou  toda a súa disposición a defender a Proposición Non de Lei , coincidindo na súa totalidade coas nosas reivindicacións e propostas.

O Grupo Parlamentar do PSOE  a través do seu  deputado e portavoz suplente, Julio Torrado Quintela,  afirmou que os puntos resolutivos da PNL, agás o da oficialidade eran apoiábeis. Para eles o dereito a conformar seleccións oficiais propias para competir oficialmente  a todos os niveis  veno “complexo e complicado  e non viábel  nos deportes onde compitan  as federacións españolas”. Comprometéronse a  darlle unha volta ao primeiro punto, que fai referencia á oficialidade  antes de tomar unha posición definitiva.

 O Grupo Popular estivo representado por Rubén Lorenzo Gómez e  Daniel Vega Pérez.  Non teñen tomada  posición sobre a  proposta de PNL.  É un tema que  tratarán  no  seu do grupo parlamentario e que nos darán resposta da decisión que  tomen.

Agardamos  que tanto o PSOE como O PP teñan  altura de miras  para que  asuman que  as seleccións  galegas  son realmente as que nos representan aos galegos  e galegas coas que nos identificamos colectivamente. Non valen xustificacións de ningún tipo para  non respaldar  esta iniciativa  que  está sustentada nunha reivindicación  que vén de tempo, nun dereito colectivo que debe ter toda nación e que hoxe  xa están exercendo 49  territorios e nacións, que sen ter estado propio como Galiza, compiten oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas.

Encontro co grupo parlamentar do PSOE