VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Reunións cos grupos do BNG e do PSdeG sobre a restauración da letra do himno galego

Reunión co BNG

Hoxe presentóuselle á portavoz  parlamentar do BNG e ao portavoz do parlamentar do PSdeG a Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión

 Hoxe, día 10 de febreiro, Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña, máximo investigador do noso himno e membro da comisión promotora da Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular ( ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión; Xosé Manuel Carril, presidente de Galiza Cultura; e Anxo Louzao, coordenador de Vía Galega, mantiveron, no Parlamento de Galiza,  ambas reunións, coa portavoz do BNG, Ana Pontón,  e co portavoz do PSdeG, Luís Álvarez.

Nestas reunións trasladámoslle a necesidade de modificar a Lei de Símbolos de Galicia de 1984 para restaurar o noso himno conforme ao resultado das investigacións e diferentes edicións da historia do mesmo do  profesor Ferreiro, onde se demostra e se recupera documentalmente  o texto fidedigno do Himno Galego,  de acordo  co  texto orixinal e a vontade  do seu autor, Eduardo Pondal. Alén doutras cuestións de menor transcendencia, mostra a existencia de catro alteracións de importancia: 1) Problemas de presentación formal e de puntuación, de forma que no texto oficial mesmo desapareceu a indicación de que o texto é un diálogo (pregunta aos piñeiros, na primeira estrofa, e resposta destes nas tres estrofas restantes); 2) Presenza de formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano, nomeadamente castelanismos e hiperenxebrismos (ronco / rouco, iñorantes / ignorantes); 3) Aparición de formas idiomáticas falsas, inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega (féridos / férridos); 4) Deturpación da expresión orixinal mediante un proceso de banalización textual (chan / clan ‘pobo’).

A portavoz do BNG, Ana Pontón,  manifestou a oportunidade e necesidade desta Iniciativa e amosou o compromiso do Grupo Parlamentar do BNG de apoiar a ILP cando sexa debatida no Parlamento. O portavoz  do Grupo Socialista de Galicia, Luís Álvarez, expresou o seu interese e receptividade pola proposta, comprometéndose a tratala no seu  Grupo Parlamentar para  fixar definitiva a posición ante a mesma.

Temos pendente a entrevista co Portavoz do Grupo Popular que,  por problemas de axenda, foi imposíbel realizala hoxe, pero co compromiso de tela nos próximos días.

Reunión co PSdeG
Reunión co BNG