VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Rexistrada a proposta de ILP para a restauración do texto orixinal do himno galego

Trinta persoas de diversos colectivos sociais e culturais integran a comisión promotora

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022.- Representantes da comisión promotora da proposición de lei de Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión anunciaron

Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega, en rolda de prensa posterior ao rexistro da iniciativa, agradeceu a colaboración das 30 persoas de diversos colectivos sociais e culturais que conforman a comisión promotora desta ILP, para posteriormente iniciaren a recollida de 10.000 sinaturas que, como mínimo, son as necesarias para a súa defensa na Cámara galega.

Rexistro no Parlamento

As razóns que levaron a Galiza Cultura e a Vía Galega a impulsaren esta iniciativa popular foron a necesidade de divulgar e de popularizar o himno no conxunto da sociedade galega. “Trátase de dar a coñecer a súa xénese, historia e significado; pois nunha nación como a galega sen soberanía política, sen estado de seu, a valorización dos seus símbolos nacionais tornase fulcral”, explicou Louzao.

“O himno represéntanos e identifícanos como pobo, expresa a nosa vontade de sermos e o dereito a existir libremente”, indicou. Lembrou que van 38 anos de vixencia da Lei de símbolos de Galiza e nese tempo déronse distintos intentos e propostas para restaurar a letra do himno, conforme ao texto creado por Pondal. “Foron abondosas e atinadas as iniciativas que Pilar García Negro, en representación do grupo parlamentar do BNG, para restituír e divulgar o noso himno”, destacou o portavoz de Vía Galega.

Durante estes anos, o catedrático da UDC Manuel Ferreiro desenvolveu un extraordinario traballo de investigación e de publicación da historia do himno galego. “Xa hai xa anos que, grazas ao seu labor temos recuperado o texto fidedigno do himno e, agora, só nos queda restauralo oficialmente que é a pretensión desta iniciativa lexislativa popular”, engadiu.

Pola súa parte, Manuel Ferreiro lembrou que houbo xa diversos intentos de acomodar o texto legal ao texto real escrito por Eduardo Pondal, desde 1996, arredor de 2002 e en 2017-2018.

“No século XIX, en 1890, Eduardo Pondal, que era o gran poeta nacional do momento, escribe un texto ao que Pascual Veiga lle puxo música e que, a partir de 1907, na Habana foi adoptado como himno galego e progresivamente asumido, así, socialmente”, explicou. A cuestión de que a iniciativa da súa institucionalización partise da Habana é o que explica que o texto se difundise na capital de Cuba, en revistas e en medios diversos, lonxe do país mais aínda que había unha forte conexión mediante a emigración, houbo adherencias textuais que non correspondían co que Pondal escribira.

O mesmo texto foi impreso e difundido en medios múltiplos e diversos e os erros seguen acumulándose, advertiu. “O propio autor, en 1913, xa moi ancián escribíalle a Fontenla Leal, o gran promotor do himno na Habana, para lle dicir que texto tiña incorreccións e había que mudalas”, lembrou.

“O Parlamento que nos representa a todos/as ten a oportunidade de ver a xusteza e a xustiza de rehabilitar o texto que Pondal creou”, indicou. En 1984 cando se confeccionou a Lei de Símbolos, a información que existía era limitada e, coa mellor intención, colleron o texto dunha edición de 1935 que fixera a Academia, mais tiña eses erros, que o propio poeta afirma nunha carta que se conserva na propia Academia que había que corrixilo.

“É unha cuestión de xustiza histórica para rehabilitar un dos nosos sinais de identidade que, nin sequera, precisa de investimentos, só fai falta a vontade das persoas que eliximos cos nosos votos e nos representan colectivamente para que restauren o texto creado para tal himno para que os galegos e as galegas o poidamos cantar na súa integridade”, afirmou. Referiuse, así, a que Pondal “non inventou palabras” como féridos, nin utilizou castelanismos nin hiperenxebrimos tipo iñorantes, e importou da corrente celtista voces procedentes do gaélico e das linguas celtas como dolmen ou clan, que significa pobo e descendencia. “Pondal acomodou o texto ás indicacións de Pascual Veiga e foi asumido colectivamente polo pobo galego e sancionado en 1984 como himno; e o único que falta agora é a vontade daqueles que nos representan para restituílo ao orixinal e, estou convencido de que sen dúbida, haberá sentidiño de devolvernos os nosos símbolos tal como foron creados e concibidos”, concluíu Ferreiro.

Rexistro no Parlamento