VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Rexístrase no Parlamento a proposta de Iniciativa Lexislativa Popular “Polo dereito da Galiza a poder competir oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas”

Hoxe, dentro da campaña que Vía Galega está promovendo por toda xeografía galega en prol das seleccións deportivas galegas, baixo o lema “Galiza: un Pobo, unha selección”, unha comisión conformada por 34 persoas, moitas delas ligadas ao mundo do deporte (achégase relación) presentaron no Rexistro do Parlamento de Galiza, mediante o procedemento Iniciativa Lexislativa Popular e participación cidadá, a proposta dunha Proposición Non de Lei que baixo o título “Polo dereito da Galiza a poder competir oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas”, recolle o dereito, interese e necesidade de que Galiza poida competir en todas as categorías e niveis coas súas seleccións nas distintas disciplinas deportivas; na necesidade de promover a creación de seleccións galegas en todos os deportes e que os e as deportistas galegas poidan participar baixo a bandeira galega a todos os niveis, tanto oficial como internacional. (Reproducimos o texto da proposta ao remate).


Unha vez presentada, hoxe, a Proposición Non de Lei á Mesa do Parlamento, falta que sexa admitida a trámite pola mesma. Unha vez admitida a trámite, a Mesa do Parlamento dálle traslado á Xunta Electoral para a tramitación da recollida de sinaturas. Requírense como mínimo 2.500 para que a iniciativa sexa tratada no Parlamento.

Relación de promotores da Iniciativa Popular:

Pili Neira. Foi adestradora da selección galega  feminina de fútbol

-Gustavo Cesar Veloso. Ciclista.  Gañador de varias voltas a Portugal e da volta a Cataluña

-Alexandre  Sanmartín Costa. Adestrador da selección galega  masculina de fútbol gaélico

-Serafín Carballo Carballeira.  Foi Subcampión  do Estado español de  1500 m.

 -Luís Penín. Alpinista. Premio estatal de escalada en xeo 

-Alba Cuba Dorado. Ex Subcampiona Estatal junior de Decatlón

-Cristina Fernández Piñeiro. Árbitra internacional de Balonmán. Primeira muller árbitra de balonmán en Europa

-Hugo Sánchez Flores.  Foi xogador  do Fútbol Sala (Prone. Santiago-Futsal e Burela)Mellor Deportista lucense do 2011

-Pedro Gómez Val . Presidente do Club Xabaríns-volei de Lugo

-Román Sánchez Besteiro. Coordenador da Federación de Peñas do C.D. Lugo

-Adolfo Sainz Maza. Campión galego de Decatlón

-Adrián Carreira Penalonga. Atleta de Decatlón

 -Fernando Currás Gallego. Presidente da Unión  Deportiva  Ourense

-Xurxo Souto. Impulsor das seleccións  e de siareirxs galegos

-Cristina López Villar. Profesora da Facultade de Ciencias  do Deporte  e de E. F. da UDC

Héctor Pena Taboada, Xornalista. Responsábel de deportes no Nós Diario

-Manuel Polo. Licenciado en Educación Física e adestrador de atletismo

-Xan Rodiño.  Presidente da asociación Cultural e Deportiva de billarda  Rías Baixas. Impulsor  da Liga Nacional de Billarda

Mario Gómez Calviño. Presidente da Escola de Fútbol  Femenino Rosalia de Ourense

-Hugo Sánchez Flores.  Foi xogador  do Fútbol Sala (Prone. Santiago-Futsal e Burela)Mellor Deportista lucense do 2011.

E os membros da coordenadora  de Vía Galega:

Anxo Louzao Rodríguez

María Xosé Bravo  San Jose

Bruno Lopes Teixeiro

Pablo Carracedo Goldar

Adrián Rodríguez Bravo

Antón Xosé Laxe Bermúdez

Cosme Eladio Pombo Rodríguez

Lucía Veciño Souto

Rafael Iglesias García

Susana Méndez Rodríguez

Xosé Manuel Afonso Noceda

Anxo Martíns Pérez

Carlos García Vieito

Eduardo Freire Bargados


Texto da Proposición Non de Lei  

“Polo dereito da Galiza a poder competir oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas

Exposición de motivos

Galiza, como pobo, como nación, ao longo da súa historia foi conformando a súa cultura, idioma e os seus sinais de identidade. Construíu os seus símbolos para identificarse colectivamente e manifestarse como pobo. Porén, a súa dependencia de máis de cinco séculos e a carencia de poder político soberano levou a que a súa identidade nacional fose negada, ocultada, ou prohibida. Así no deporte, que conta cunha significativa dimensión nacional, cultural e patrimonial, impídese que nos amosemos como galegos e galegas e prohíbesenos competir baixo a bandeira galega.

Este ano fanse 100 anos da xestación da primeira selección absoluta de fútbol da Galiza. A reivindicación para que Galiza conte con seleccións propias vén de hai tempo. Nos anos 70 do século pasado o semanario A Nosa Terra abriu de novo o debate sobre a necesidade da súa creación. Na década dos 90 retoma a reivindicación o movemento Bravú, e a proposta das seleccións nacionais galegas colle un maior impulso. Mais será o colectivo Siareiros Galegos, conformado nas súas orixes en 1996 por afeccionados de Celta, Deportivo e Compostela, que por aquel entón militaban na Primeira División, o que popularizase o berro “Selección Galega Xa!”. En decembro de 2005 regresa a selección de fútbol masculina cun encontro amigábel por ano, mais no 2009 a Xunta suspende todo tipo de axuda, paralizando así a continuidade dos encontros da Irmandiña.

No 2007, a selección absoluta feminina de fútbol xoga en Vigo, porén vai para sete anos que tanto a feminina como a masculina non disputan ningún partido, e todo indica que a Xunta non ten en perspectiva a súa continuidade nin a súa consolidación. As seleccións absolutas de baloncesto levan sen competir hai anos. O mesmo podemos afirmar das seleccións de fútbol sala e das de balonmán. Noutras modalidades deportivas, as seleccións galegas nin sequera se formaron para competir amigabelmente.

Tamén, como é sabido, prohíbese que os e as nosas deportistas representen Galiza nas competicións internacionais, mesmo naquelas disciplinas nas que somos potencia mundial, como o tríatlon, a vela ou o piragüismo. Tal e como se evidenciou nos últimos Xogos Olímpicos, malia a consecución de seis medallas e 10 diplomas olímpicos, Galiza estivo ausente do podio, e a bandeira, invisibilizada. Mais a Xunta da Galiza segue sen tomar ningunha iniciativa para que as nosas seleccións e deportistas poidan competir e representar o seu país en torneos ou competicións oficiais.

Galiza conta cunha importante estrutura social ligada á actividade deportiva, así como cunha extensa rede deportiva, tanto federada como non federada. Son incontábeis os clubs, as escolas, agrupacións ou asociacións deportivas que proliferan por todo o país. Non obstante, fúrtasenos o dereito a poder representar oficialmente e proxectar Galiza polo mundo adiante.

As seleccións nacionais deportivas representan a todo un pobo, danlle acougo a un sentimento colectivo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade, a unha nación. Afianzan a identidade colectiva e contribúen á cohesión social, pois o deporte non só é fonte de saúde, tamén axuda a vertebrar a sociedade e tende lazos de amizade e solidariedade. Porén, impídesenos competir oficial e internacionalmente, coa única excepción do fútbol gaélico. O normal é que compitamos como galegos e galegas en todos os niveis e modalidades, como acontece con diferentes países como Gales e Escocia que, sen ter tampouco estado propio, participan oficialmente, o mesmo que fan 49 territorios como Xibraltar, as Illas Feroe, Anguila ou Nova Caledonia.

Como galegas e galegos padecemos, froito do sometemento que sufrimos, de falta de autoestima colectiva. Todo o que nos identifica e nos fai galegos e galegas prohíbese, ocúltase ou trátase como irrelevante. É dicir, subordínase ao de fóra, ao alleo. Esta é a razón pola que se nos nega un dereito tan elemental como termos seleccións deportivas propias que nos representen. O preocupante é que a Xunta da Galiza, en lugar de esixir as competencias plenas no ámbito deportivo, en crear seleccións galegas e, como mínimo, promover competicións amigábeis en todos os deportes, sexa a responsábel e se amose satisfeita con esta situación.

Galiza é unha potencia deportiva que brilla con luz propia. Somos referentes mundiais en non poucos deportes. Contamos con deportistas e medallistas olímpicos e olímpicas, campións e campioas europeas e mundiais. Destacamos e somos competitivos, deportivamente falando, en numerosas disciplinas. Mais a súa dependencia deportiva eclipsa o seu historial e palmarés, impide que atletas destacadas poidan participar en competicións internacionais e provoca unha percepción distorsionada da realidade na que estamos infravalorados como pobo. Necesítanse competencias lexislativas plenas para que os nosos e nosas deportista teñan máis oportunidades, para o recoñecemento oficial das  nosas seleccións, para rematar coa nosa subordinación ás federacións españolas e para amosarnos como nación que somos.

Proposta de resolución

O Parlamento da Galiza insta á Xunta da Galiza a tomar as medidas necesarias para que:

Galiza teña o dereito a competir coas súas seleccións deportivas absolutas a nivel oficial e internacional en todas as modalidades, categorías e disciplinas deportivas.

Os nosos e as nosas deportistas poidan competir baixo a bandeira galega e  exhibila cando soben ao podio.

Se conformen seleccións galegas femininas e masculinas en todas as categorías e disciplinas deportivas.

Se galeguice o deporte e se promova a normalidade lingüística neste ámbito.

Se impulse a igualdade de xénero mediante a participación da muller na práctica do deporte e coa conformación de seleccións e competicións femininas”

Compostela, 30 de marzo de 2022