VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Search
Close this search box.

Vía Galega advirte das actitudes antidemocráticas da ultradereita que alimentan ataques contra as actividades a favor dos dereitos nacionais da Galiza

Máis de 10 paneis da exposición “Galiza, un pobo, unha selección” instalada en Lugo apareceron danados

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022.- A Plataforma Vía Galega denuncia os reiterados ataques á difusión das actividades que desenvolve a favor dos dereitos sociais e nacionais da Galiza, logo de que aparecesen danados 11 paneis da exposición itinerante “Galiza, un pobo, unha selección” que está instalada na cidade de Lugo. Isto súmase á desaparición dunha faixa para difundir esta mostra no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, e ás mensaxes fascistas sobre os cartaces de Vía Galega en diversas vilas e cidades nos últimos meses.

Estes danos provocados, cun xeito de actuación e intencionalidade semellantes, son produto de posicións alimentadas pola ultradereita e por responsábeis políticos que se manifestaron publicamente en contra das actividades promovidas por esta plataforma que integra máis de 60 asociacións sociais, culturais e deportivas de todo o país.

Para Vía Galega, estes estragos producidos son consecuencia de actitudes en contra da liberdade de expresión e de dereitos democráticos fundamentais contra unha campaña como a de “Galiza, un pobo, unha selección” que reivindica o dereito a competir a nivel oficial como galegos e galegas en todas as disciplinas deportivas.

De feito, os ataques van dirixidos a esta campaña que está a recadar numerosos apoios e interese por parte do público que visita as exposicións orientadas a fortalecer a autoestima e a conciencia nacional mediante o deporte; potenciar os deportes galegos, a súa historia e a importancia para a nosa cultura; ademais de incidir na galeguización do deporte e de impulsar a igualdade de xénero.