En Santiago será ás 11:30 horas no parque de Carlomagno, nas Fontiñas
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022.- A plataforma Vía Galega convida a participar nos actos de izado da bandeira galega que se desenvolverán en vilas e cidades de todo o país este sábado 19 de novembro ás 11:30 h. en conmemoración do 104 aniversario da I Asemblea Nacionalista. En Santiago de Compostela, o acto será no alto do parque de Carlomagno, no barrio das Fontiñas, onde se lerán poemas alusivos á bandeira e se interpretará o himno galego.
Este acto de izado da bandeira encádrase na campaña de Vía Galega para promocionar e popularizar os nosos símbolos nacionais: o himno e a bandeira, cos obxectivos de dar a coñecer entre a poboación a súa xénese, historia e significado.
Froito desta campaña, durante esta semana organizáronse diversos actos con Manuel Ferreiro, catedrático da UDC e investigador da obra de Eduardo Pondal; e Xoán Costa, profesor e investigador da orixe da bandeira galega. Ademais, milleiros de bandeiras engalanaron fiestras e varandas en vivendas e puntos visíbeis repartidos por todo o país.