Distribuirá unha publicación conmemorativa desta data en Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2022.- A Plataforma Vía Galega fai un chamamento a participar nos diversos actos organizados para este 25 de xullo, Día da Patria Galega, para manifestarse na capital do país, en Santiago de Compostela, en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, ademais de exhibir a simboloxía do país en xanelas, varandas e galerías durante esta semana.
Desde a plataforma Vía Galega, que agrupa máis de 65 colectivos sociais e culturais, anímase a pendurar a bandeira galega de fiestras, varandas e galerías nesta semana de celebración do Día da Patria. Esta é a xornada en que milleiros de galegas e galegos defenden e reclaman os dereitos colectivos que lle corresponden a Galiza como nación e, por iso, é bo momento para exhibir os símbolos propios do país.
Vía Galega avoga na súa programación pola ampliación da conciencia nacional para conseguir o recoñecemento do exercicio do dereito de autodeterminación, para que Galiza dispoña de plenos dereitos democráticos e liberdades colectivas e individuais. Quérese incrementar a plena capacidade política, sen subordinación a intereses alleos, para obter unha economía ao servizo do pobo galego que free o espolio dos nosos recursos, cree emprego de calidade e deteña a emigración, xunto con accións que normalicen a nosa lingua, cultura, deportes e ensino.
Nesta edición, distribuirá en Compostela unha publicación conmemorativa do Día da Patria e contará cun posto no Festigal, evento que organiza a Fundación Galiza Sempre no campus sur.