VIA GALEGA – Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza

Vía Galega chama a participar na manifestación do 18 de abril en Compostela co lema “Galiza nación, un pobo con dereitos”

Share on facebook
Share on google
Share on twitter
Share on linkedin
Share on email
Share on telegram
Share on whatsapp

Esta plataforma agrupa 65 asociacións culturais e sociais que defenden esixir o dereito á autodeterminación para construír unha sociedade galega con plena democracia, liberdade e igualdade

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021.- A Plataforma Vía Galega, que integra máis de 65 asociacións culturais e sociais, convoca unha manifestación nacional para o domingo 18 de abril en Santiago de Compostela co lema  “Galiza nación, un pobo con dereitos”.

O portavoz desta plataforma, Anxo Louzao, realizou un chamamento a participar nesta manifestación “para esixir o dereito á autodeterminación, a exercer o dereito a decidir, para construír unha sociedade galega con plena democracia, liberdade e igualdade e  benestar social”. A mobilización partirá o domingo 18 de abril ás  11.30 da Alameda de Compostela e rematará na Praza da Quintana, cun acto final conducido pola actriz Isabel Risco, coa intervención de María Xosé Bravo, da portavocía de Vía Galega, e a lectura dun manifesto por parte do escritor Suso de Toro e da actriz Neves Rodríguez.

Anxo Louzao insistiu, en rolda de prensa, na necesidade de facer fronte “á cada vez maior centralización política, como se comprobou coas actuacións relacionadas coa pandemia, e a combater o neoliberalismo e  a españolización galopante á que esta entregado o Goberno de Feixoo, procurando destruír a nosa identidade, lingua e cultura e anularnos como pobo”.

Malia as limitacións e inconvenientes derivadas da pandemia, Vía Galega organizou ao abeiro desta campaña coloquios en  25 vilas e cidades sobre a condición nacional de Galiza e os seus dereitos como pobo, ademais de editar e distribuír milleiros de folletos explicativos e de cartaces.

A campaña tamén contou coa elaboración dun vídeo que define as características que conforman a nación galega e que fai un percorrido histórico e reivindicativo. Neste punto, agradeceu e destacou a participación de persoas referentes da sociedade galega como  Manolo Rivas, Isabel Risco, Suso de Toro, Olaia Maneiro, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Neves Rodríguez, Antón Ruanova e Pilar Pallarés, que explicaron a súa percepción da condición nacional de Galiza.

Esta manifestación é a culminación da campaña que durante os últimos meses desenvolveu Vía Galega por todo o país para divulgar as características que conforman a nación galega e os dereitos que lle asisten como tal. Outro dos obxectivos foi “procurar  que  sexa máis pobo o que asuma conscientemente a realidade obxectiva de que Galiza é unha nación, con vontade colectiva de existir”, xunto con “apuntalar e estender a conciencia nacional, desterrando a mentira e o engano de que Galiza é un pais subsidiado”.

“Acrecentar a autoestima como pobo e mostrar a necesidade de termos soberanía política, poder político pleno,  para rematar coas agresión se inxustizas  que  sufrimos como país  e construírmos por nós mesmos unha Galiza libre e con futuro”, foron outros dos fins marcados nesta campaña que conclúe o 18 de abril con este acto.

Como é obvio, neste acto cumpriranse todas as medidas e normas de seguridade impostas como consecuencia da COVID-19, “de aí que solicitamos dos e das manifestantes que eviten portar faixas, aínda que poden levar bandeiras e cartaces individuais”, explicou Anxo Louzao.

Anxo Louzao e Lucía Veciño, na rolda de prensa para anunciar a manifestación
Share on facebook
Share on google
Share on twitter
Share on linkedin
Share on email
Share on telegram
Share on whatsapp